Allariz lembra a Vicente Risco e revisa a súa figura no 50 aniversario do seu pasamento

Allariz lembra a Vicente Risco e revisa a súa figura no 50 aniversario do seu pasamento
Vicente Risco
Vicente Risco  

Fanse cincuenta anos do pasamento de Vicente Risco e Allariz lembra a perda do escritor cunha xornada de homenaxe promovida pola Fundación que leva o seu nome mais as asociacións comerciais da localidade. O opúsculo "Quen é Vicente Risco?" revisa a figura do escritor, a súa obra e o seu perfil ideolóxico. 


A Fundación Vicente Risco, en colaboración con diversas asociacións de comerciantes da localidade, lembran o cincuenta aniversario do pasamento do escritor repartindo aos clientes dos centros asociados a obra “Quen é Vicente Risco?” na que se busca, de maneira sinxela realizar “unha achega, sen dúbida necesaria, para lembrar o legado e compromiso para coa súa terra”. Durante a xornada, unha misa na igrexa de Santiago e un acto no cemiterio do concello de Allariz lembrarán a figura do escritor membro do grupo Nós. 

En colaboración coas asociacións, Agrupación de Libreiros de Ourense, Agrupación de Comerciantes de Allariz, Centro Comercial Aberto de Ourense, CCA Centro Couto e CCA Ourense Norte, distribuirase o opusculo “Quen é Vicente Risco?”. O libro, editado pola Fundación Vicente Risco, achéganos a un home singular, con contradicións e acertos, cunha obra de relevo e un papel singular na reflexión arredor do país. “Deixou Risco de ser un inadaptado? En certo modo, non. Pois, polo de pronto, non podía atoparse a gusto no medio da pseudocultura urbana colonizada imperante na burguesía; rodeado, como diría Risco, de filisteos e de filisteísmo, e asistindo ao proceso dunha desgaleguización progresiva” recolle, arredor da súa complexa personalidade. 

“Deixou Risco de ser un inadaptado? En certo modo, non"

Como un dos máis relevantes, e escasos, pensadores do século XX, preséntase e no opúsculo laméntase que, mália iso, a súa obra continúe “a ser obxecto da crítica procedente de dogmáticos que non son capaces de contextualizar a súa obra, que analizan con prexuízo e/ou descoñecemento da fonda e complexa estrutura intelectual do pensamento risquián.”

Novidoso é o ensaio á hora de situar ideoloxicamente o autor nos paradigmas do seu tempo, achegándoo á teorización do nacionalismo e alonxándoo do fascismo que, ás veces, se lle atribuiu. “Segundo o propio Risco, o fascismo non debe ser considerado auténtico nacionalismo toda vez que anula os dereitos individuais, que Risco defende, e porque a concepción totalitaria do fascismo pon o Estado por riba da Nación, ou dito coas súas palabras: “a confusión da Nación co Estado, o sacrificio do individuo ao Estado, e a prepotencia do Poder executivo”, aspectos que Risco critica” anótase, nunha obra que está ao acceso na súa integridade na rede e na que se apresenta unha obra “viva” de relevancia para os nosos días.