Alvarellos revive a experiencia orixinal de ler a Rosalía

Alvarellos revive a experiencia orixinal de ler a Rosalía
[Foto: Numax] María do Cebreiro
[Foto: Numax] María do Cebreiro  

Unha nova edición facsimilar tirada do prelo por Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago permiten as lectoras e os lectores «vivir a mesma experiencia que os que gozaron da edición primeira, publicada en 1881», pois ten a mesma tipografía e o mesmo estilo de edición. 


Alvarellos Editora, en colaboración co Consorcio de Santiago, vén de tirar do prelo unha edición facsimilar e ilustrada da derradeira novela de Rosalía de Castro, El primer loco -subtitulada Cuento extraño-.

O carácter «único» deste volume vén conferido polo feito de que, como explica o editor Henrique Alvarellos a Nós Diario, «as lectoras e os lectores vivirán a mesma experiencia que os que gozaron da edición primeira, publicada en 1881». «Terá a mesma tipografía que a orixinal, e o mesmo estilo de edición facsimilar, para intentar transmitir a experiencia lectora da orixinal», engade.

Porén, esta nova edición non se limita a reproducir con fidelidade a obra de Rosalía de Castro, senón que tamén engade varios «bonus tracks», en palabras de Alvarellos, consistentes nun apéndice fotográfico do bosque do Banquete de Conxo, onde se ambienta a obra, e nun estudo introdutorio elaborado polos especialistas María do Cebreiro e Xermán Labrador. «Este estudo abrirá camiños para novas interpretacións da obra de Rosalía» -conclúe Henrique Alvarellos.