ANDRÉS CASTRO ESTREA NOVA CURTA

Amizade e compañeirismo no Camiño de Santiago

Amizade e compañeirismo no Camiño de Santiago
Fotograma da curta 'Atopnado o Camiño', de Andrés Castro e María Fanjul. Imaxe: cedida.
Fotograma da curta 'Atopnado o Camiño', de Andrés Castro e María Fanjul. Imaxe: cedida.  
Unha historia de amizade e compañeirismo coa Ruta Xacobea de fondo é o núcleo da nova curtametraxe de Andrés Castro (A Coruña, 1976), codirixida por María Fanjul. Atopando o Camiño estréase este 26 de setembro ás oito do serán no Teatro Principal de Pontevedra.

Os 16 minutos do filme de Castro xurdiron dun proxecto escolar sobre o Camiño de Santiago implusado pola propia Fanjul, de profesión mestra. “Acordaron que fose material audiovisual. Daquela escribín un guión bastante ambicioso, con moitas localizacións”. Pouco e pouco fóronse sumando persoas e a idea “desenvolveuse a nivel semiprofesional”.atopando cartaz

Con filmes como os Goonies (Richard Donner, 1985), Conta comigo (Rob Reiner, 1986) ou a teleserie española Verán azul (Antonio Mercero, 1981-1982) de espello, Atopando o Camiño enriqueceuse coa banda sonora de Óscar Ibáñez, a produción da propia María Fanjul, a axuda na dirección de Andrés Taboada e Uxía Santiago ou a montaxe de Pablo Cacheda. E, entre outras, as actrices Marisé Rancaño Fanjul, Laura Torres López, Alejandro Sanmartín Vidal e Lorenzo Fernández Millán. Rodouse durante seis días en Pontevedra, en Campañó, en Barro.

O resultado é unha peza sobre a iniciación á vida adulta, en que catro rapazas percorren a ruta que vai a Compostela e, en palabras do seu director, “van aprendendo cousas, tamén dos diferentes personaxes que van atopando”. Con ese cinema sobre amigos e aventuras que conformou un subxénero na década dos 80 ao fondo, Castro levanta tamén unha narración sobre as relacións entre persoas cando estas descobren o que as agarda.

Despois da estrea no Principal de Pontevedra, o cineasta e crítico -encárgase de escribir semanalmente sobre cinema en Sermos Galiza- quere que Atopando o Camiño se vexa en festivais educativos e colla pulo en vésperas do Xacobeo 2021.