Ana Estévez: “O cine está a rexistrar o proceso de volta á terra que vivimos”

Ana Estévez: “O cine está a rexistrar o proceso de volta á terra que vivimos”

Desde o Museo do Pobo Galego, Ana Estévez coordina a Mostra de Cine Etnográfico da que se desenvolve, do 2 a 6 de xuño, a súa décima edición. Os pioneiros do cinema como Xocas ou Carlos Velo déronse a man nesta mostra cos principais nomes do chamado Novo Cinema Galego nun tempo no que se experimentou un auxe do documentalismo de volta á terra do que nos fala a coordinadora do encontro.


-A Mostra de Cine Etnográfico chega a súa décima edición. Pode facer balance do que significou a iniciativa?

En primeiro lugar, buscamos un sentido amplo do que significa etnográfico, non só reducido ao mundo tradicional rural senón como medio das ciencias sociais para estudar as comunidades humanas o que fixo que non se limitara a achegar filmes que estiveran centrado en sociedades rurais. En canto ao interese público, desde a primeira mostra conseguiuse un notable incremento co aumento considerábel de persoas que asisten ás proxeccións. Con esta temática e cuns medios limitados conseguiuse que nestes dez anos estiveran na mostra, poño por caso, todos os nomes dos autores e autoras do que se chamou Novo Cinema Galego. Polo Museo do Pobo Galego non só pasaron persoas con traxectoria consolidada no campo da etnografía senón creadores como Eloy Enciso, Lois Patiño ou Xurxo Chirro, por citar só algúns deles.

-O Novo Cinema Galego está entón a facer cine etnográfico?

O Novo Cinema Galego non é un fenómeno homoxéneo senón unha tarxeta baixo á que nomear a creadores e creadoras que buscan novas formas de narrar con cousas en común pero que non teñen unha única maneira de facer cine. Efectivamente, hai entre eses novos nomes algúns que están a traballar en relación coa etnografía. Vikingland de Xurxo Chirro, por exemplo, aborda a vida dos mariñeiros dentro dun barco e iso é etnografía. Xacio Baño dialoga cos seus avós que son xente do mundo rural e o propio Lois Patiño en Costa da Morte presentando un espazo e a relación coa comunidade que o habita. Tamén o primeiro achegamento de Sonia Méndez ao documental en Café-Bar Santos Perruquería a través do Chanfaina-Lab, proxecto que tamén vai estar presente na Mostra deste ano. Non é a etnografía no sentido clásico pero si están presentes elementos que dalgún xeito poden formar parte da nosa identidade cultural. A relación do documental ca etnografía é intensa. Parte da disciplina considera o cine etnográfico aquel que se fai como apoio a un estudo antropolóxico mais nos tratamos o concepto de maneira máis ampla. 
-En que límites se move a amplitude dese concepto?

Ninguén dubidaría de que Tempo de recolleita, de Felix Blume, ou Historia dunha parroquia de Marcos Nine -que forman parte do programa desta edición-, por exemplo, se situarían no ámbito etnográfico mais pode ser que Pic Nic de Eloy Enciso fora, para moita xente sexa máis difícil de encadrar. Fala dun grupo de personaxes, persoas normais, que están de vacacións nunha praia do Mediterráneo. A etnografía responde, neste sentido, a un medio para estudar colectivos e comunidades de persoas, cunha gran amplitude do termo.

-Canda esa liña de achegar novas creacións do audiovisual, desde o Museo quíxose proxectar tamén os filmes pioneiros de creadores como Carlos Velo, a quen se lle dedica un espazo da Mostra.

Trátase da sección propia na que se proxectan as películas que o Museo escolle, coas normas estipuladas desde o inicio. Foi unha maneira de homenaxear aos pioneiros do cinema en Galiza. A primeira película que se proxectou foi O carro e o home, non só por ser unha das primeiras que se fai en Galiza, que ademais é un documental etnográfico senón pola propia relación do seu autor, Xocas, co Museo. Aínda que Román foi o realizador, estamos convencidas de que o impulsor é o propio Xocas que tivo un papel máis alá do de guionista.

-O Museo coñécese en especial pola singular colección exposta, que supón unha iniciativa como esta dentro do seu programa de actividades?

Un dos obxectivos principais do Museo é manter unha exposición a partir da colección que está fundamentalmente composta de pezas relacionadas coa sociedade tradicional galega mais nos seus fins está promover e difundir todas as manifestacións da cultura galega e o cinema é unha delas. A través de actividades como a propia Mostra tentamos dinamizar o Museo, que non sexa só a exposición permanente a que dinamiza a colección. O Museo, pola súa propia natureza, ten asociado un patrimonio inmaterial enorme que é moi difícil de musealizar mais é doado difundilo a través, por exemplo, do mundo audiovisual. Facer unha mostra que teña que ver con esta temática que forma parte do Museo do Pobo Galego é unha obriga. No momento en que a iniciativa se puxo en funcionamento hai dez anos o cine documental era minoritario e, tamén por iso, pensouse como plataforma de apoio e promoción ana2deste tipo de creación. Os canais de difusión, tamén na rede, incrementáronse mais nos inicios había poucas vías de proxección do cine documental con temática etnográfica que experimentara con maneiras novas de narrar.

-En certa medida, podemos estar a vivir un certo auxe do cinema documental etnográfico?

O cine está a rexistrar o proceso de volta á terra que vivimos. Estamos a experimentar un aumento da demanda de produtos ecolóxicos e locais, máis mercados de venda directa, o regreso ao cultivo... e iso ten a súa correspondencia co cine. Non só vai á memoria senón que recolle o presente das poboacións no rural. Estanse a facer películas sobre o despoboamento e tamén de experiencias de volta á terra de xente moza. Neste sentido, La extraña elección, unha película que se proxecta nesta edición da realizadora asturiana Carmen Comadrán, é un exemplo dun filme que recolle a experiencia de persoas que decidiron voltar ao mundo rural. En todas as mans, película que presentamos o día 21 de maio, fóra da Mostra, e que aborda o aproveitamento do monte comunal que se comezou a estudar como fenómeno nos últimos anos.

-O audiovisual pode ser, como neste caso dos montes comunais, unha ferramenta de estudo?

Pode ser, desde logo, soporte de estudo. Neste caso, o proxecto vai máis alá do documental e inclúe un estudo previo e un proceso de difusión posterior.

-Que ofrece o programa deste ano?

A oportunidade de ver películas que recuperamos nesta sección de dez anos da Mostra e, como en todas as edicións pasadas, a posibilidade de coñecer a obra de autores novos do audiovisual. Como exemplo, poría a obra do realizador portugués Joao Botelho sobre o mirandés. Trátase dun documental cantado, unha especie de musical etnográfico pola súa propia linguaxe narrativa. A mostra inclúe cine internacional e a obra de novos realizadores. A Mostra, como toda a actividade do Museo, pódese facer grazas ao apoio de socias e socios non tanto polas súas achegas económicas que é certo que son parte importante nos ingresos do centro como polo traballo e o papel que xogan no día a día do mesmo.

-Neste momento, o Museo está promovendo a captación de novas persoas asociadas...

Son vitais para o seu desenvolvemento. Quere seguir sumando novos socios e socias e estas actividades públicas que buscan unha maior participación e que a xente se sinta na súa casa, que é do que se trata nun Museo como o noso. Aquí hai sitio para todas.