Ana Romaní, académica numeraria eleita

Ana Romaní, académica numeraria eleita
Ana Romaní (Foto: CRTVG)
Ana Romaní (Foto: CRTVG)  

Ana Romaní, unha das voces de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega, foi nomeada académica numeraria eleita na sesión plenaria celebrada o sábado, 17 de marzo, na sede da Real Academia Galega. Romaní lerá o seu discurso de ingreso na RAG nos próximos meses.


O Pleno da Real Academia Galega nomeou, na sesión realizada o sábado 17 de marzo, Ana Romaní académica numeraria eleita. A candidatura da xornalista fixérase oficial no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xohana Torres, finada o 12 de setembro.

Romaní lerá o seu discurso de ingreso nunha sesión extraordinaria que terá lugar nos próximos meses, segundo informa a RAG.

A académica de número eleita naceu en Noia, en 1962, e é unha voz de referencia do xornalismo cultural. Desde a década dos noventa está á fronte de Diario Cultural, da Radio Galega, o programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega. Un labor polo que recibiu numerosos premios.

Promotora do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, impulsou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.

No eido literario e após a publicación de poemas en revistas, en 1987 presentou o seu primeiro libro de versos, Palabra de mar. A fascinación polo mundo acuático volver estar presente en Das últimas mareas (1994), onde reescribe o mito de Penélope, en diálogo coa célebre Penélope do Tempo de ría (1992) de Xohana Torres, autora que se atopa entre os seus referentes literarios. O seu último libro é Estremas (2010). Os poemas de Ana Romaní poden lerse tamén en volumes colectivos.

A xornalista tamén desenvolveu proxectos vinculados á oralidade da poesía e á súa expresión da man doutros creadores. O seu traballo abrangue outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003) e un continuado traballo para facer visíbeis as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos.

Carme Pazos, académica correspondente

Por outra banda, na sesión plenaria do sábado foi elixida académica correspondente a profesora Carme Pazos Balado (1968), experta no estudo do léxico galego que foi peza fundamental do Seminario de Lexicografía da Academia.