RECLAMA UNHA RADIO PÚBLICA “COMPROMETIDA CO PAÍS”

Ana Romaní ingresa na Academia e reivindica o carácter comunal da súa voz

Ana Romaní ingresa na Academia e reivindica o carácter comunal da súa voz
A poeta Ana Romaní (esquerda) pronuncia o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega este 6 de abril en Noia. Foto: RAG.
A poeta Ana Romaní (esquerda) pronuncia o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega este 6 de abril en Noia. Foto: RAG.  

“Debo avisar de que esta voz que vos fala vibra na resonancia doutros corpos e outras bocas, restos que son presenza, emoción que me acompaña. Do seu pulo é esta garganta”, comezou a poeta Ana Romaní (Noia, 1962) o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. O Teatro Coliseo de Noia acolleu este sábado, 6 de abril, un acto en que Romaní reivindicou o carácter comunal da súa voz.
 


Coas figuras tutelares de Xohana Torres -en cuxa cadeira sentará- e Antón Avilés de Taramancos, a autora de Estremas (Galaxia, 2010) trazou un percorrido á vez mapa de ausencias e de débedas en que compareceron Xela Arias e Begoña Caamaño, María Xosé Queizán e Olga Novo. Titulouno Táctil resonancia. Daderrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas e serviu ademais de lectura crítica e agradecida da obra de Torres.

Pero non só de literatura se nutre o poema, veu explicar. As mulleres invisibilizadas, “posuidoras de saberes compartidos e ignorados pero imprescindibles”, mulleres como a súa avoa Manuela, tamén falaron no discurso de Romaní. E é que o seu labor literario, tampouco o profesional como xornalista cultural de referencia, se entende se a dimensión feminista do seu pensamento.

ANA ROMANÍ MEMBROS PLENO

“No século XIX compútanse máis de 150 escritoras en Galiza. Para que o poema de Rosalía de Castro escoite con esa absoluta inclinación do corpo, atendendo, foi preciso que outras falaran por baixo, andaran polos cuartos pechados dunha memoria de escasa escoita das voces delas. Voces, ruídos, falas, hiperbólicas ou afásicas que conforman o magma no que unha escritura arde, incandescente e acontece”, expresou nun dos parágrafos chave da súa intervención, salientado pola propia Academia, “unha escritura comunal atravesa o mundo e escoita. E se escoita sabe que a súa é a consistencia da area no deserto, as voces todas que nela resoan”,

A xornalista


Máis alá da súa decisiva poesía, contida en títulos emblemáticos como Das últimas mareas (1994) ou Arden (1998), o seu traballo xornalístico é faceta fundamental da súa actividade. Directora do Diario Cultural da Radio Galega entre 1990 e 2018 -cando a dirección do ente público liquidouno no seu formato habitual-, reclamou unha radio pública “que se comprometa, na independencia e no entusiasmo, coa realidade e o futuro do país, con esa cidadanía que a dota de sentido e de entusiasmo”.

A premio Nacional do Ministerio de Cultura de Xornalismo Cultural afirmou que existen os “profesionais comprometidos, audiencias que a demandan e un idioma que urxe” unha radio pública. E afirmouno nun período en que a Radio Galega, e a propia CRTVG, atravesa turbulencias derivadas das presións políticas á que a somete o Goberno do PP e contra as que se revolven traballadoras e traballadores.

“Deberían ser os medios galegos, modelos de información dun país, polo tanto deseños propios de parámetros informativos, de liñas de programación, de estruturas organizativas que garantan a súa independencia, desde un profundo coñecemento e análise da historia e o presente dun país, dunha cultura, do idioma no que é”, concluíu ao respecto.

Resposta de Ledo Andión


Foi a académica Margarita Ledo a encargada de responder a Romaní. A tamén poeta, cineasta e catedrática repasou a traxectoria da nova membro do plenario e referiuse ao “desexo de comunidade” e o “devezo polo común” que determinan a súa actividade poética e profesional. Víctor Freixanes, presidente da institución, asegurou que se trataba “dun día feliz” e mencionou entre os méritos de Romaní o de comunicadora.

Nota: foto do plenario da Real Academia Galega. Sentada, no centro, Ana Romaní. Imaxe cedida pola Real Academia Galega.