Ana Varela gaña o López Abente con poemas sobre “onde nacen as hedras”

Ana Varela gaña o López Abente con poemas sobre “onde nacen as hedras”
O xurado da sexta edición do premio López Abente de poesía: de esquerda a dereita, Xulio Cid Neira, Xesús Sambade Soneira e Noelia Gómez. Foto: fundación López Abente.
O xurado da sexta edición do premio López Abente de poesía: de esquerda a dereita, Xulio Cid Neira, Xesús Sambade Soneira e Noelia Gómez. Foto: fundación López Abente.  

“Trátase dun libro que dá sinais, prevé o baleiro, abrea as fendas do que xa non é, até chegar a habitar o oco”. Así sintetiza o xurado da sexta edición do premio Gonzalo López Abente a obra gañadora, Onde nacen as hedras, de Ana Varela Miño.


Enmarcado por versos de dúas poetas norteamericanas contemporáneas de primeira orde, a canadiana Anne Carson e a estadounidense Louise Glück, o traballo fai gala “de coherencia e e cohesión”. “A escrita actúa como oráculo que todo o ve, que todo o cose, mesmo a ruína. Estamos perante un poetizar coidado e puído, que se revoluciona en cada poema”, sinala o xurado, formado pola poeta Noelia Gómez -gañadora do premio en 2018 con O xiro-, o poeta Xulio Cid Neira e o profesor Xesús Sambade Soneira.

O fallo define a linguaxe de Onde nacen as hedras como “suave como o tacto da folla, composta por palabras que gabean pola lectura, como hedras”. Ademais dos 2.000 euros de dotación económica, o galardón -convocado polo Concello de Muxía e a fundación López Abente-  implica a publicación do libro por Edicións Xerais.

En 2017, Ana Varela, tradutora e natural de Narón, gañou o Francisco Añón con Asombrario, que viu luz en edición non venal.