André Pena Losada, un nacionalista morto no campo de concentración Mauthausen

André Pena Losada, un nacionalista morto no campo de concentración Mauthausen
André Pena Losada, cuarto pola dereita, na fila superior, canda outros militantes e simpatizantes do Partido Galeguista de Franza. Foto Bernardo Maiz.
André Pena Losada, cuarto pola dereita, na fila superior, canda outros militantes e simpatizantes do Partido Galeguista de Franza. Foto Bernardo Maiz.  
Os múltiples camiños do martirio nacionalista están aínda por percorrer. A traxedia daquelas persoas sacadas unha noite da súa casa ou dunha cela para non volver xamais.

Os múltiples camiños do martirio nacionalista están aínda por percorrer. A traxedia daquelas persoas sacadas unha noite da súa casa ou dunha cela para non volver xamais. A memoria das persoas condenadas a morte por un consello de guerra franquista para morrer con dignidade diante de calquera paredón. E tamén as caídas coas armas na man, as finadas no cárcere ou as mortas nos campos de exterminio franquistas ou nazis. Hoxe recuperamos o exemplo dunha persoa desas.

Facía parte da sección local do Partido Galeguista de Franza, núcleo de poboación concello de Mugardos. Nado en 1909, ao pouco de instaurase a II República incorporouse á militancia nacionalista naquel grupo que, baixo o maxisterio do pintor Bello Piñeiro, comezou a espallar a semente patriótica, nun traballo corpo a corpo, como explicaba un dos cofundadores da agrupación, Xoán Picos, nunha carta publicada en A Nosa Terra o 25 de Agosto de 1934, onde explicaba o proceso de implantación do nacionalismo en Franza, sinalando que “había que traballar pola cultura, pola personalidade da Terra, e niso estamos con todo o noso entusiasmo.”

A vaga represiva, posterior á revolución de 1934, implica a clausura e ilegalización do grupo, que remata coa súa reorganización en agosto de 1935 e cunha renovación da súa dirección en decembro de 1935, sendo elixido Xosé André Pena como secretario de intervención, Gabriel Manso como secretario xeral, Manuel Gómez Varela como secretario de organización e Filipe Bello Piñeiro como secretario de administración e educación.

O 18 de Xullo de 1936 atopábase en Mugardos. Se ben descoñecemos a súa participación na resistencia ao golpe militar na localidade, a dura represión neste concello e o temor a ser el mesmo unha vítima, lévano a alistarse como voluntario ao exército franquista para fuxir do perigo, recurso utilizado por outros nacionalistas ou demócratas, pasándose posteriormente ao exército popular.

Segundo sinalou a súa propia irmá “foi testemuña dun múltiple asasinato cometido polos falanxistas, a causa do cal, e tamén porque as súas ideas políticas eran de esquerdas, comeza a temer pola súa vida”, desertando da lexión e pasándose ao exército leal. Nada sabemos do momento da súa incorporación ao mesmo e tamén descoñecemos da súa experiencia nas filas republicanas, do que xa formaba parte o seu irmán Xoán, que após a vitoria franquista pasaría a Franza, exiliándose posteriormente na República de Cuba.

Xosé André Pena fuxe a Francia en 1939, como milleiros de cidadáns do Estado que escapaban da vitoria do fascismo, sendo recluído polas autoridades galas no campo de concentración de “Les Alliers”, situado nas proximidades da cidade de Angulema, e que, na altura, pasaba por ser dos campos menos duros en territorio francés, na medida que posibilitaba o reagrupamento familiar e a inserción laboral, malia as condicións de vida no mesmo seguían a ser moi penosas.

Xosé André Pena fuxe a Francia en 1939, como milleiros de cidadáns do Estado que escapaban da vitoria do fascismo, sendo recluído polas autoridades galas no campo de concentración de “Les Alliers”, situado nas proximidades da cidade de Angulema

Unha vez conquistada Angulema polos alemáns, o 20 de Xuño de 1940, é tomada a decisión de que esta cidade sexa gobernada directamente polos ocupantes, as autoridades nazis acordan, o 20 de agosto, enviar a 927 reclusos do campo de “Les Alliers” á localidade austríaca de Mauthausen, a onde chegan o 24 de agosto. Ese mesmo día, Xosé André Pena é internado no campo Mauthausen, co número de matrícula 3836, xunto a outras 469 persoas, os 457 restantes serán entregadas ao réxime franquista, sendo trasladado o 17 de febreiro de 1941 ao campo de concentración de Gussen, co número de matrícula 10.361, outra instalación carceraria do complexo Mauthausen, onde é asasinado o 16 de outubro de 1941.