ÁLBUM ILUSTRADO SOBRE ESPECIES MIGRANTES

Animais extraordinarios percorren o mundo

Animais extraordinarios percorren o mundo
O carrán ártico, un dos protagonistas de 'Viaxeiros' (Kalandraka, 2019). Foto: cedida.
O carrán ártico, un dos protagonistas de 'Viaxeiros' (Kalandraka, 2019). Foto: cedida.  

“A vida dos animais salvaxes non é fácil”, abre as súas páxinas Viaxeiros, o álbum ilustrado en que o biólogo Xulio Gutiérrez e o debuxante Nicolás Fernández investigan para divulgar “as especies que viaxan para sobrevivir”. Volume de gran formato, con detallistas debuxos e información contrastada, “reúne a experiencia migratoria” do lemming e da tartaruga boba, do salmón e das bolboretas monarcas.
 


Publicado por Kalandraka, o libro, enmarcado na colección Animais extrordinarios da que fai o sexto título, trata dunha ducia de especies. Por caso, do carrán ártico, paxaro semellante á gaivota pero “máis pequeno e esvelto”, que percorre o eixe vertical do planeta á procura de calor. “Cando chega ao océano Antártico non se detén. Pasará os meses do verán austral recorrendo incansable os mares que rodean a Antártida”, explica Xulio Gutiérrez (Vigo, 1958), profesor e biólogo encargado dos textos de Viaxeiros.   

“Este libro permite acompañar os animais que por terra mar e aire realizan as viaxes máis longas e arriscadas”, expón a editorial, “uns milleiros de quilómetros, outros traxectos curtos expoñéndose a toda clase de perigos e vicisitudes”. Comparado co carrán ártico, que voa de polo a polo, a do salmón río arriba é unha peripecia máis curta pero con non menos obstáculos.

“Coa árbore da vida como punto de partida”, engade Kalandraka, “esta obra científica presenta un esquema dos principais grupos do reino animal para se centrar nos protagonistas, a súa localización no mundo, o seu hábitat, as súas habilidades físicas, curiosidades e o seu nivel de conservación”.

Viaxeiros está recomendado para lectoras e lectores a partir de sete anos.



x