Aniruddhan Vasudevan, o diálogo a través da irrefutabilidade do baile

Aniruddhan Vasudevan, o diálogo a través da irrefutabilidade do baile

Convidado por Implicadas no Desenvolvemento, o bailarían e activista de Chennai (India) Aniruddhan Vasudevan visitou Galiza no marco do proxecto REACTIV_ARTE. O seu baile e a súa palabra alimentaron un diálogo que el considera feliz para coñecer “outras realidades”. 

 


Aniruddhan Vasudevan considera que a súa estadía a Galiza contribuíu a dar unha visión máis complexa da realidade que tendemos a simplificar. “Axuda a ter unha visión máis real e plural de construtos como o home indio, o home gai de Tamil Nadu ou o artista. Da mesma maneira, para min é achegarme a outro punto de vista da idea monolítica de España que existe. Este intercambio rompe esa idea monolítica e é unha oportunidade de entendemento conxunto, esa simplificación está moitas veces na base das violencias”, defende Aniruddhan Vasudevan. 

Neste momento está a realizar un doutorado en Antropoloxía na Universidade de Texas en Austin, actividade que, ao se sumar a súa condición de intérprete de Bharatanatyan, danza clásica do sur da India, a súa faceta como activista queer ou a súa faceta de tradutor ofrecen un perfil amplo e plural que el ve con naturalidade. “En cada momento concreto unha das actividades ten máis relevancia que as outras. Nas actuacións da Coruña era bailarín e esa era a identidade, o resto pasaba a segundo plano. Dependendo da situación e a interacción pode ter presenza unha ou máis desas facetas. Aprendín a vivir con isto. Neste momento, prima máis a miña entidade como investigador”, explica. 

Unha posición "privilexiada"

Coñece o traballo de Implicadas e síntese privilexiado por chegar a Galiza da man desta organización non gobernamental que mira cuns lentes diferentes a realidade. “Sempre que me convidan a un espazo que ocupan mulleres, de todo tipo, trans ou biolóxicas, é para min como unha honra. Fágoo con respecto para formar parte dun diálogo, dunha conversa mais non en sentido de propiedade. Síntome privilexiado por poder compartir ese lugar que encaixa na miña idea de solidariedade como relación entre persoas, dunha idea radical de amor, tamén na poesía e na arte”, defende, da súa posición “privilexiada” que explica pola súa propia condición social de orixe.

 “Axuda a ter unha visión máis real e plural de construtos como o home indio, o home gai de Tamil Nadu ou o artista. Da mesma maneira, para min é achegarme a outro punto de vista da idea monolítica de España que existe".

Distánciase así do discurso de certas organización dos  movementos LGTBI nos que son os homes gais dunha certa clase social os que ocupan todos os espazos. Pola contra, para el, recoñecer o privilexio, tamén dentro do movemento, é o primeiro paso para articular posturas máis complexas tanto teóricas como de activismo. Ao seu ver, non se pode comparar a situación de ningún home, nin sequera gai, coa das mulleres e rexeita, polo tanto, esta sorte de gradacións que, por veces, se escoitan nos debates dos colectivos LGTBI.  “É un luxo, un privilexio, dicir que me sinto libre na miña identidade. Son home, de clase media alta e aínda que queer, onde teño un espazo de desafiuzamento. Son moi consciente de porvir dunha identidade con privilexio”, defende un artista que se sinte libre cando baila, fiel a si mesmo, sen censura. “O baile é unha actividade honesta, na que domina a irrefutabilidade do corpo, que me presenta vulnerábel diante do público”, afirma Aniruddhan Vasudevan. Do seu traballo destaca a peza “Brihannala” na que se reflexiona sobre mitoloxía, xénero, a condición transxénero ou o desexo por medio de movemento e que entra na tradición contemporánea que parte do Bharatanatyam onde o traballo de contacontos, recitado ou interpretación teatral se actualizan. 

Diálogo afectivo Galiza-Tamil Nadu

Na súa visita a Galiza interpretou e impartiu un curso de danza Bharatanatyam na Coruña e protagonizou diversas actividades en Vigo nun intercambio para el feliz. “Superou todas as expectativas, nin por un minuto me sentín estranxeiro. Descubrín na Galiza un país que quero coñecer e no que me quero implicar máis. Quero formar dese diálogo afectivo que existe entre Galiza e Tamil Nadu e tamén aprender galego para que o fluxo que existe sexa recíproco tamén no ámbito literario, da arte e do activismo”, adianta nesta súa primeira visita a Galiza das moitas que agardar poder sumar.