Antía Veres gaña o premio de tradución Plácido Castro con 'Unha muller perdida', de Willa Cather

Antía Veres gaña o premio de tradución Plácido Castro con 'Unha muller perdida', de Willa Cather
Antía Veres
Antía Veres  

O xurado valorou especialmente a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo


Unha muller perdida, a tradución galega da orixinal A Lost lady, de Willa Cather, foi o traballo premiado polo xurado na XVIIIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución. A edición en galego, publicada por Hugin e Munin, é obra de Antía Veres.

O xurado valorou especialmente a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela.

premio placido castroAdemais chamou a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos Estados Unidos como a nivel mundial.

Antía Veres licenciouse en 2013 en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, co Premio Extraordinario de Fin de Carreira. Dende entón, dedícase á tradución, ámbito no que traballa en varios proxectos, entre os cales destacan os de tradución literaria. Neste eido, no 2017 recibiu pola tradución de Detrás da máscara, de Louisa May Alcott, o I Premio Realia de Tradución, galardón convocado pola editora Hugin e Munin e polo Concello de Santiago de Compostela. Ademais, no 2013, gañou o primeiro accésit pola tradución de O conto de Nadal de Auggie Wren, de Paul Auster, nos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria da Universidade de Vigo.

O xurado desta edición do premio Plácido Castro estivo integrado por Olga López (Xunta), Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), Ana Luna Alonso (Universidade de Vigo), Víctor Caamaño (Fundación Plácido Castro), Xulio Ríos (IGADI) e Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega).