O MÁIS CÉLEBRE AUTOR EN YIDDISH, TRADUCIDO AO GALEGO

O antiheroe de Isaac Bashevis Singer

O antiheroe de Isaac Bashevis Singer
Imaxe de Varsovia en 1941. Foto: Wikipedia.
Imaxe de Varsovia en 1941. Foto: Wikipedia.  
Yasha é un mago de sona e talento que percorre a Polonia de finais do século XIX. Escapista, é quen de saltar barreiras ou abrir cadeados. E así vive ademais cando está fóra da escena. Este é o argumento de O mago de Lublin, novela orixinal de 1960 obra de Isaac Bashevis Singer, o máis célebres dos autores de lingua yiddish. Agora ve a luz en galego.

o mago de lublinÉ Moisés Barcia quen se encarga da tradución, pero desde o inglés. Publica Rinoceronte. “Mentres a súa devota esposa espera por el na casa, as múltiples amantes de Yasha agardan a súa próxima visita”, explica a nota editorial, “é un don Xoán xudeu, consumido pola inquietude, que expresa nunha gran cantidade de aventuras. Porén, verase obrigado a deixar a un lado as acrobacias para atopar o seu verdadeiro eu”.  

O mago de Lublin, que en 1979 coñeceu unha adaptación cinematográfica dirixida por Menahen Golam, é tamén unha cata no xénero picaresco trasladado á inestábel Europa central do XIX, atravesada polo grotesco e romántico. Milton Hindus escribiu na recensión que saudou no New York Times a saída do libro en inglés que, “mesmo que o lector non estea convencido de que Singer tivese éxito no seu propósito, fica claro que se trata dun escritor con moito máis que poderes ordinarios”.

Nado en 1902 na vila polaca de Radzymin, daquela parte do imperio ruso, viviu despois en Varsovia. En 1935 marchou cara Estados Unidos e, porén, Polonia atravesou as súas páxinas até a morte. Influído por Dostoyevsky ou Knut Hamsun, politicamente conservador, a súa obra, escrita en yiddish -lingua procedente da mestura entre dialéctos xermánicos e hebreos-,obtivo un amplo recoñecemento en vida, por caso, o premio Nobel de literatura en 1978. Singer morreu en Florida en 1991.

Nota: cuberta da edición galega do Mago de Lublin, publicada por Rinoceronte Editora.