CHAN DA PÓLVORA

Antón Lopo bota a andar unha editorial especializada en poesía

Antón Lopo bota a andar unha editorial especializada en poesía
Antón Lopo
Antón Lopo  

O novo proxecto chamarase Chan da Pólvora e levará asociado tamén unha libraría e un espazo de creación en parcería cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández. En xuño sacarán do prelo os tres primeiros libros.


Chan da Pólvora “estará centrada na poesía, que será o seu eixo, o que non impide que publiquemos textos teóricos relacionados coa poesía ou outros que se movan nos lindeiros do xénero”, segundo nos explicou o escritor e xornalista Antón Lopo, promotor do proxecto, xunto cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández, que levarán a parte da libraría. 

A nova editora sairá á rúa con dous poemarios este xuño. O primeiro será a opera prima de Antón Blanco, un poeta vilagarcián de 20 anos, gañador do Premio Minerva. En opinión de Lopo, “é unha das voces máis orixinais dos poetas novos. Queremos que a editorial teña unha liña de aposta por explorar o que se está construíndo e á vez ofrecer espazos a voces que xa teñen unha traxectoria consolidada”.

A este segundo obxectivo responde Urania, a segunda obra a publicar por Chan da Pólvora. Trátase dunha reedición do primeiro poemario de Chus Pato, publicado en 1991 nunha “edición case de autor”. “É un expoñente dunha Chus Pato en ebulición, que é unha illa nova e que hoxe conserva toda esa forza primixenia”, defende o monfortino. 

Chan da Pólvora sae á rúa con dous poemarios: a 'opera prima' de Antón Blanco e 'Urania' de Chus Pato

O terceiro libro, que sairá a luz o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), será a correspondencia de Eduardo Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo dentro da colección Rabo de Egua, “que acollerá textos que non están estrictamente encadrados na poesía”.

Outra das coleccións será Caniveliñas, que editará plaquettes (pequenas edicións), que botará a andar coa tradución dun poema de Pere Gimferrer. 

Libraría en San Pedro 

A outra vertente do proxecto, homónima, é unha libraría que abrirá na compostelá Rúa de San Pedro número 74, tamén especializada en poesía e que inclúe espazo de creación plástica e de presentación de libros. 

O nome da editorial e das coleccións remiten a topónimos da illa de Ons. “Nunha casa de María Salvado -persoa vinculada ao proxecto- no lugar de Chan da Pólvora ideamos o proxecto hai agora un ano, con todo o simbólico de concebir algo así dentro dunha illa”, conta Lopo. Desde aquela foron desenvolvendo un universo ao que se foron unindo persoas como o poeta Gonzalo Hermo ou o deseñador Manuel Martínez.

Alianza con Papeles Mínimos

Chan da Pólvora teceu unha alianza coa editorial madrileña Papeles Mínimos, dirixida por Imanol Bértolo, con quen publicará dúas coedicións ao ano bilingües. O primeiro froito desta colaboración sairá do prelo en novembro cunha antoloxía de poetas novos galegos. 



x