Antonio Fraga Allegue e Xabier López, premios Xerais 2013 de Literatura infantil e Novela

Antonio Fraga Allegue e Xabier López, premios Xerais 2013 de Literatura infantil e Novela

'Cadeas', de Xabier López, obtivo o Premio Xerais de Novela 2013. E 'O castañeiro de abril', de Fraga Allegue, levou o Merlín de Literatura Infantil. Xabier Docampo, como mantedor literario da gala realizada en San Simón, convidou a “ler o libro de nós, o que di dos galegos e galegas que tal queren ser. Ler a nosa nación coma iso, coma unha nación”.


A anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa, tumbada sobre unha toalla. Así comeza 'Cadeas', de Xabier López (Bergondo, 1974), obra gañadora do XXX Premio Xerais de Novela 2013, certame ao que se presentaron 41 obras e que está dotado cun premio de 15.000 euros. 'Cadeas' é, para o xurado, “unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan, ante todo, unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar”. Para o seu autor é “a miña novela máis arriscada e ambiciosa”.

'Cadeas' é unha novela de novelas, onde todas as historias que a compoñen teñen que ver coa idea de submisión/dominación, recoñece o seu autor.

Mais 'Cadeas' non foi a única premiada na Gala Xerais que, máis un ano, tivo lugar na Illa de San Simón. 'O castañeiro de abril', de Antonio Manuel Fraga Allegue (Pontedeume, 1976), levou o XXVIII Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros. 39 obras concorreron nesta modalidade. A novela ten como protagonista a Baltasar, un neno cego que malvive no barrio máis gris da cidade baixo o cruel xugo das súas tías, as xemelgas Carabullo: “Eu son quen son, e nin eu mesmo coñezo o meu nome; mais nalgures, hai moito tempo, alguén se referiu a min como o castañeiro de Abril.”, relata Baltasar.

Para o xurado, 'O castiñeiro de abril' e unha historia “que nos recorda que a literatura infantil, a mellor literatura infantil, é un texto literario destinado a lectoras e lectores de 0 a 99 anos, unha enorme universo escrito “

"Amo os soños como amo os contos"

Os Premios Xerais reuniron neste sábado a máis de 300 persoas en San Simón. Mais aqueles que así o quixer pudieron seguir a gala a través de streamming.

'O castiñeiro de abril' tamén fala "da pouca importancia que moitos de nós, principalmente as persoas adultas, lle damos ás cousas miúdas", reflexiona o responsábel deste libro

O mantedor da velada, unha cita obrigada para ese universo tan complexo como contraditorio e fermoso que é a Literarura Galega, foi Xabier P. Docampo. E el, escritor, falou e leu un discurso intitulado 'E eu serei unha cerdeira (panfleto)´. “As grandes obras da historia da literatura son aquelas que nos descobren, que dan conta do lector. Quero dicir que lemos para encontrarnos, para saber quen somos, que facemos aquí e cal será o noso derradeiro destino”.

“Amo os contos como amo os soños. Para min a pregunta, para que serven os contos? é a mesma que interroga: para que serven os soños? A resposta é: son imprescindíbeis. Non se pode vivir sen soñar porque non se pode vivir desasistido da palabra dos contos, das historias, veñan estas nas novelas, no teatro, no cinema, nos mesmos contos”

Convidou Xabier Docampo a «ler o libro de nós, o que di dos galegos e galegas que tal queren ser. Ler a nosa nación coma iso, coma unha nación». Rematou Docampo facendo un emocionante chamamento ás novas xeracións a «facer da lectura un acto de rebeldía»

Atención para a cultura

Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Educación e a Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios 2013. E rematou as súas palabras reclamando, nestes tempos de crise económica e austeridade, a maior atención para o mundo do libro e da cultura.