ENTREVISTAMOS ANXO QUINTELA

“A información cultural debe atender ás dinámicas profundas do que acontece na sociedade"

“A información cultural debe atender ás dinámicas profundas do que acontece na sociedade"
[Imaxe: Helena de Carlos] Anxo Quintela, gañador do Premio Nacional de Xornalismo Cultural
[Imaxe: Helena de Carlos] Anxo Quintela, gañador do Premio Nacional de Xornalismo Cultural  
Durante anos foi un dos rostros máis recoñecíbeis da TVG. Presentaba O Agro, programa de información sobre o traballo no campo que honraba a televisión como servizo público. Tamén dirixiu unha das experiencias pioneiras do xornalismo dixital, Vieiros. E ao Diario Cultural da Radio Galega achegou o seu interese pola información científica e de fondo. Anxo Quintela (Vigo, 1960) recibiu a pasada semana o Premio Nacional de Xornalismo Cultural que concede o Ministerio de Cultura. Por segundo ano consecutivo, distinguiu unha xornalista galega que traballa nos medios públicos galegos. En 2018 foi para Ana Romaní.  Eis un estrato da peza publicada no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_7_FS_EntrevistaPara que serve un Premio Nacional?

Primeiro, para levar unha enorme sorpresa. É algo moi por riba das miñas expectativas, resúltame difícil de asimilar. Foi completamente inesperado. Serve tamén para reflexionar sobre a propia carreira e o sentido que pode ter. Ou para pensar que este tipo de premios non se conceden simplemente a unha persoa e a unha traxectoria: está vinculado –polo que di o xurado– a un labor de divulgación sobre a cultura agraria moi relevante na Galiza que se fixo desde o século XIX, fundamentalmente desde as sociedades de agricultores, pero tamén desde círculos científicos con personaxes interesantísimos como Valeriano Villanueva, Rof Codina ou Ruiz Gallástegui. E con moita xente que estabeleceu vínculos entre a investigación agraria e os propios labregos e labregas. Eu véxome como un elo mínimo nunha estirpe de xente no mundo da divulgación agraria e do xornalismo cultural na Galiza.

Por que aínda estraña que o Estado conceda un Premio Nacional a quen traballa nunha lingua cooficial distinta do castelán?

O raro dese estrañamento é cando se produce na propia Galiza. Para min é algo absolutamente natural traballar en galego. Pertenzo á primeira xeración de persoas que puidemos desenvolver a carreira profesional en galego. Fíxeno en diferentes medios, desde Vídeo Voz até a TVG pasando por Vieiros. Mesmo cando traballei uns meses en Citroën tamén falabamos galego na cadea de montaxe [risos]. Para min é algo normal. Pero resúltame difícil entender que, na lista de Premios Nacionais de Poesía, o único galego fose José Ángel Valente, que escribía ademais en castelán. Foi así até hai pouco, cando o gañou [Manuel] Álvarez Torneiro. E a poesía en galego hai moitos anos que ten un peso específico no conxunto das linguas peninsulares.

O Estado nega a súa propia pluralidade interna.

Está claro. Non hai programas na Televisión Española, a música noutras linguas é dificilísima de escoitar. A efectos culturais todo o mundo vive no seu propio sistema e en Madrid non entra practicamente nada. Mesmo era máis doado antes, con Andrés Do Barro e cousas así. Desde Os Resentidos con Fai un sol de carallo... De todos os xeitos, o que me resulta máis interesante é Galiza. Ramón Villares fala da xénese da Autonomía da Galiza como da xénese dunha anomalía. Esa anomalía, di el, consiste en que se trata dunha autonomía construída por xente que non cría na autonomía, por antiautonomistas. Para min, esa anomalía atravesa toda a cultura galega e non só, tamén a xestión da cousa pública na Galiza ou os medios de comunicación públicos. É unha anomalía que fai que as peculiaridades se interpreten como anomalías e as anomalías como peculiaridades. Nesa confusión estivemos metidos 40 anos. Hai unha especie de falta de ambición, de falta de valentía, de ir máis alá...

Certo conformismo.

Un conformismo co que existe, si, cando as potencialidades deste país son tremendas en moitísimos campos.

Aínda que pasou por moitos medios diferentes, recibe o premio como traballador dos medios públicos de comunicación. Cal é o papel destes respecto da cultura dun país como Galiza?

Empecei a traballar no xornalismo nun programa que se chamaba Extramuros, que se emitiu no ano 88. Facíase en Vídeo Voz e dirixíao Luís Álvarez Pousa. Nel estaba xente como Pepe Coira, que se encargaba do cinema, Manuel González da produción... Era semanal, fixéronse 12 ou 13 capítulos. Nese programa entrevistamos o ministro de Cultura Jack Lang...

Que acababa de aprobar as leis de excepción cultural.

Efectivamente. Entrevistamos Edgar Morin, o filósofo. Entrevistei Saramago, que acaba de publicar A jangada de pedra. Entrevistamos Miguel Torga, nunha das pouquísimas entrevistas que fixo na súa vida para televisión. Fixemos unha reportaxe sobre a cultura vasca, fixemos unha reportaxe sobre música electrónica en Berlín...

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]