SEGUNDO CONSECUTIVO PARA UNHA GALEGA

Anxo Quintela, Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio

Anxo Quintela, Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio
anxo quintela xornalismo cultural
anxo quintela xornalismo cultural  
Anxo Quintela (Vigo, 1960) é o premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019, concedido polo Ministerio de Cultura. O xurado salienta “a súa traxectoria en múltiples campos do xornalismo cultural en lingua galega e pola súa continuada implicación no coñecemento e difusión da cultura rural”.

Despois do galardón do pasado ano a Ana Romaní, con quen Quintela compartiu durante anos o Diario Cultural da Radio Galega, este é o segundo premio consecutivo na categoría. O fallo menciona xustamente ese espazo radiofónico e o programa da TVG do que Anxo Quintela foi rastro ao longo de varias tempadas, O Agro. “Contribuíu á lexitimación da cultura rural, ás veces desatendidas, como parte da cultura en sentido amplo”, sinala.

Poeta autor de Á sombra dos pavillóns (1983) e O asasino estrábico (1996), formou parte do consello de redacción da revista Grial e, entre 2003 e 2008, dirixiu o desaparecido xornal dixital Vieros. “Conta cunha extensa traxectoria na radio e na televisión galega, participando en programas cun amplo abano de manifestacións culturais”, engade o texto difundido polo Ministerio de Cultura e Deporte.

O xurado

A decisión do premio, dotado con 20.000 euros, tomouna un xurado presidido por Olvido García Valdés, directora xeral do Libro do Goberno do Estado, vicepresidido por Begoña Cerro, e do que fixeron parte Ana Romaní, a membro da Real Academia Galega Marilar Aleixandre; Félix Ibargutxi Otermin da Real Academia da Lingua Vasca; Pilar Castro, da Asociación Española de Críticos Literarios; Luis Menéndez, da Federación de Asociacións de Xornalistas de España; de María Carmen Asenjo, da Asociación de Revistas Culturais Españolas; de Miguel Ors, da Conferencia de Rectores das Universidades Españolas;  Manuel Castro, da Federación de Asociacións de Radio e Televisión de España, e Yanna Gutiérrez, do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid.