EN CARNOTA, PROPIEDADE DA IGREXA

Apatrigal denuncia o deterioro do terceiro hórreo máis grande da Galiza

Apatrigal denuncia o deterioro do terceiro hórreo máis grande da Galiza
Imaxe que fundamenta a denuncia de Apatrigal
Imaxe que fundamenta a denuncia de Apatrigal  
Ten 34 metros de longo e está declarado "monumento nacional". O seu tellado, como proba a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego está deteriorado e mesmo derruído nun extremo. 

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego -Apatrigal- vén de denunciar a través das súas redes sociais o deterioro do hórreo de Carnota, que a día de hoxe ten derruída unha parte do seu tellado. 

O hórreo de Carnota é o terceiro máis longo da Galiza. Ten 34 metros por 1,90 de ancho. Foi erguido en 1768, mais non coas dimensións actuais. En 1783 ampliouse con 11 pares de pés, para quedar nun total de vinte e dous. 

A construción foi declarada "monumento nacional" e trátase do máis grande do país de "estilo Noia", é dicir, construídos en pedra, levados sobre pés e con tornarratos individuais. Os sillares, ademais, teñen abertura en horizontal. 

O hórreo é propiedade da Igrexa, en concreto do Arcebispado de Santiago. Segundo a lei de rehabilitación, o Concello pode obrigar o propietario a arranxalo ou, chegado o caso, expropiar.