XERAIS PUBLICARÁ 'O SILENCIO DAS GAIVOTAS'

Arancha Nogueira gaña o Johán Carballeira cun libro de “nostalxia da infancia”

Arancha Nogueira gaña o Johán Carballeira cun libro de “nostalxia da infancia”
A poeta Arancha Nogueira. Foto: cedida.
A poeta Arancha Nogueira. Foto: cedida.  

A infancia é época propicia á poesía. Polo menos a esa poesía que responde á definición da capacidade de se emocionar como se cada vez fose a primeira vez. Algo diso contén, a dicir da súa autora, O silencio das gaivotas, o libro co que Arancha Nogueira vén de gañar o premio Johán Carballeira do Concello de Bueu.
 


“A obra trata fundamentalmente de dúas cousas”, explica Nogueira (Ourense, 1989) a Sermos Galiza, “a primeira é unha rememoración da infancia un pouco desde a nostalxia. A segunda, as relacións nai-filla, como se pasa de seren referentes a case totalmente descoñecidas”. A linguaxe de aparencia sinxela, engade, está directamente vencellada a esa idea da nenez e “a sorpresa polas cousas miúdas”.

O xurado do galardón, formado polas poetas Míriam Ferradáns, Tamara Andrés e Berta Dávila, coincide na súa definición do traballo premiado: “Con hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa que é quen de conmover pero tamén de deitar achados poéticos”. No Silencio das gaivotas, sinala, “a proposta autorial é honesta e a escrita, verdade”.

Este “rescate do mundo infantil desde o rescate do paraíso perdido e do que se conserva del” é tamén produto dalgunhas lecturas concretas. Nogueira menciona o seu interese polas reflexións sobre as maternidades e tamén algunhas poetas galegas: Berta Dávila ou o último de Silvia Penas, Fronteira paraíso (Urutau, 2019). A autora, ela mesma investigadora sobre literatura e crítica, coñece ben o campo.

“Na nova poesía galega percibo dúas liñas principais. Unha máis formalista e estética despois de anos de moita poesía social”, argumenta, “e outra máis rebelde, en que eu quero situarme, con posicións desacomplexadas, feminino plural, e unha serie de cousas moi claras. As formas de escribir non teñen moito que ver, pero si existen lazos”.

O silencio das gaivotas será o cuarto libro de Arancha Nogueira, que debutou en 2013 con Andar descalza (Concello de Outes) -premio Francisco Añón. O pasado ano publicou O único lugar onde ficar inmóbil (Urutau) e Spleen en catro tempos (Toxosoutos) -accésit do premio Añón. Numerosos libros colectivos e antoloxías recollen poemas seus.