O ACLAMADO FILME DE LAXE ESTRÉASE O 11 DE OUTUBRO

'O que arde' chega a Galiza este outono

'O que arde' chega a Galiza este outono
Fotograma de 'O que arde', de Oliver Laxe. Foto: Curtocircuíto.
Fotograma de 'O que arde', de Oliver Laxe. Foto: Curtocircuíto.  
Austera e poética, profunda e singular, a última obra do cineasta Oliver Laxe rodouse nos Ancares, protagonízana en galego actrices non profesionais, conta a historia dun pirómano que sae de prisión e reencóntrase coa súa nai e no último Festival de Cannes levou un dos premios gordos: o do Xurado da sección oficial Un Certain Regard. Este outono O que arde (2019) chegará ás pantallas galegas.

O 11 de outubro será a estrea comercial do filme, da man de Numax Distribución. Pero antes haberá varias preestreas, a primeira anunciada no festival compostelán Curtocircuíto o 1 de outubro, terza feira. A esta première asistirán o propio Laxe e os actores principais, Benedicta Sánchez e Amador Arias.

O propio autor de O que arde expresara nunha entrevista con Sermos Galiza a súa intención de realizar polo menos unha das preestreas galegas en Navia de Suarna, onde se atopan as súas raíces familiares e un dos escenarios da rodaxe. Porén, nas vindeiras semanas haberá outras oportunidades de ver a película. Iso si, haberá que viaxar, xa que os pases serán no Festival de Donostia (Euskal Herria, do 20 ao 28 de setembro), no de Toronto (Canadá, do 5 ao 15 de setembro) e no de Nova York (Estados Unidos, do 27 de setembro ao 13 de outubro).

Premios Europeos de Cinema
O que arde figura tamén entre os 46 filmes precandidatos aos premios da Academia Europea de Cinema. Compite con pezas de cineastas da envergadura de François Ozon, Pedro Almodóvar, Claire Denis, Olivier Assayas, Ken Loach, Marco Bellocchio, Yorgos Lanthimos ou os irmáns Dardenne.