SAE AO ESTADO CUN TOTAL DE 49 COPIAS

'O que arde' estréase en 19 salas galegas

'O que arde' estréase en 19 salas galegas
Oliver Laxe (esquerda) con amador Arias durante a rodaxe de 'O que arde'. Imaxe: Numax Distribución.
Oliver Laxe (esquerda) con amador Arias durante a rodaxe de 'O que arde'. Imaxe: Numax Distribución.  
O que arde, o galardoado terceiro filme de Oliver Laxe, chega esta sexta feira, 11 de outubro, ás salas comerciais da Galiza. En concreto, a 19, nas sete cidades e mais en Carballo, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, A Rúa, Verín, As Pontes, A Estrada e Caldas de Reis.

cartaz o que ardeA estrea é a nivel estatal. Fóra da Galiza, a obra chegará a outras 30 pantallas, sempre en versión orixinal en galego con subtítulos ben en castelán, ben en catalán. É xa un dos filmes galegos con máis estreas en cinemas comerciais da historia.

O seu director, Oliver Laxe, acompañará algúns dos primeiros pases no país: o 11 de outubro estará en Numax, Compostela, cos actores protagonistas Amador Arias e Benedicta Sánchez; a segunda feira, 14 de outubro, estará nos Cantones Cines da Coruña canda a poeta Yolanda Castaño ás oito e media do serán; ao día seguinte nos Cines Dúplex de Ferrol nas sesións das sete e media e as dez menos cuarto; a cuarta feira 16 de novembro nos tres pases do Códex Cinema de Lugo, e o 17 de outubro, quinta feira, ás seis da tarde no Cinexpo de Pontevedra e ás nove e vinte nos Norte de Vigo.

O que arde, distribuída por Numax, gañou o Premio do Xurado da Sección Oficial – Un Certain Regard no Festival de Cannes, onde foi a primeira película en galego nunca alí proxectada. Tamén foi distinguida nos certames de Donostia e Ourense.