NA SECCIÓN "UN CERTAIN REGARD"

“O Que Arde”, de Óliver Laxe, competirá na selección oficial de Cannes

“O Que Arde”, de Óliver Laxe, competirá na selección oficial de Cannes
Un fotograma de "O que arde"
Un fotograma de "O que arde"  

O director galego Óliver Laxe participará por terceira vez no Festival de Cannes. Farao na selección oficial da sección Un certain regard co seu novo filme, O que arde.


O certame de cinema de Cannes, un dos máis prestixiosos a nivel mundial, contará con presenza galega. E é que vén de seleccionar a programación do novo filme do galego Óliver Laxe, que competirá coa súa nova fita, O que arde, na sección Un certain regard. 

Non é a primeira vez que Laxe acode a Cannes. Xa fora premiado coas súas dúas anteriores longametraxes: Todos vós sodes capitáns, que recibiu o Fipresci da Quincena de Realizadores, e Mimosas, co Grand Prix da Semana da Crítica.

O que arde estrearase a finais de 2019 nas salas, coa distribución de Numax. A trama desenvólvese nos Ancares ao longo das catro estacións do ano e narra dúas historias en paralelo: a dun veciño que regresa á vila após saír do cárcere acusado de provocar un incendio e a de dous brigadistas que se comezan a traballar na loita contra os incendios.

Nun encontro organizado polo Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF) co público, o director sinalou como principal responsábel dos incendios o abandono de rural e expresou o desexo de que a película sirva “como un xemido de orfandade deste mundo que morre”.