DE 10 A 15 DE NOVEMBRO

'Arima', de Jaione Camborda, inaugura o festival Novos Cinemas

'Arima', de Jaione Camborda, inaugura o festival Novos Cinemas
[Foto: cedida] Fotograma de 'Arima', de Jaione Camborda
[Foto: cedida] Fotograma de 'Arima', de Jaione Camborda  

A primeira longametraxe de Jaione Camborda inaugura a vindeira edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra, que terá lugar de 10 a 15 de decembro. Para alén desta proxección, a cineasta participa activamente noutras actividades do proxecto, co que está implicada desde hai anos.


A cuarta edición do festival pontevedrés Novos Cinemas, programado de 10 a 15 de decembro, acollerá no seu acto inaugural a proxección de Arima, a primeira longametraxe de Jaione Camborda, da que xa ofreceu un adianto na pasada edición, dentro da sección Encontros. O filme que presenta estrearase ademais no Festival de Cinema de Sevilla, o vindeiro domingo 10 de novembro. A cineasta, ligada a Novos Cinemas dende o nacemento do evento, lidera na actualidade a formación “Habitar un rostro / O xesto dun encontro”, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, na que explora “a idea de relato na súa acepción máis ampla”.

[Foto: cedida] A cineasta Jaione CambordaArima narra a historia de catro mulleres e unha nena, cuxa vida cotiá se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles foxe do outro, escondéndose pola vila como un ser fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida as mulleres. Arima é un filme no que as cousas se albiscan a través da néboa, no espazo do intuído, mais que non pode verse con claridade. A directora escolle un territorio no que se difuminan as fronteiras entre o real e o imaxinado, o pesadelo e o soño, o medo e o desexo. Tamén o concepto de identidade, o pasado, o presente ou o futuro. Todo esvaece no bretemoso celuloide.

Jaione Camborda (Donostia, 1983) estudou nas Escolas de Cinema de Praga de Múnich antes de se trasladar a Galiza e fundar Esnatu Zinema, produtora coa que desenvolve diversas pezas experimentais en celuloide. Partindo dun enfoque etnográfico, a súa obra reflexiona sobre a relación do ser humano co animal, sobre a violencia e sobre o atavismo. Ademais, ten colaborado como guionista e directora de arte en numerosos filmes nos últimos anos, como Os fenómenos (2014), Las altas presiones (2015) ou Tempo vertical (2017).