Armando Requeixo: "Díaz Castro é unha voz singular e irrepetíbel na nosa historia literaria"

Armando Requeixo: "Díaz Castro é unha voz singular e irrepetíbel na nosa historia literaria"
Armando Requeixo
Armando Requeixo  Xoán Álvarez

No centenario do nacemento na parroquia dos Vilares en Guitiriz, de Xosé María Díaz Castro a quen se dedica o Día das Letras Galegas deste ano. Conversamos con Armando Requeixo autor da primeira biografía documental actualizada.


-Como comezou o  interese por Díaz Castro que o levou mesmo a dedicarlle a súa tese de doutoramento? 

A primeira memoria que teño de ler textos de Díaz Castro foi no vello COU ou mesmo no inicio da carreira. Eran algúns poemas de antoloxías e fascinoume pola súa profundidade. Tratábase dunha poesía con moi poucos elementos aparentes que conseguía enraizar até os abismos, unha depuración extrema, un lirismo moi puro. Chamoume poderosamente a atención. De primeiras non coñecía ao autor e cando me fun interesando pola súa figura descubrín que a diferenza doutros líricos puros como Pimentel ou un certo Cunqueiro, non había moitos traballos críticos arredor del. Tiñamos achegas de interese mais non era un autor sobre o que houbera unha bibliografía extensa. Pareceume un reto bonito afondar no seu coñecemento. Tiña noticia por algún dato e un traballo de Alfonso Blanco que había textos do autor que non estaban en circulación, que eran materiais por recuperar, e pensei que era a escusa que precisaba para afrontar un traballo maior como é dedicarlle un traballo de doutoramento e facerlle xustiza ao poeta. Un clásico, con poemas emblemáticos na nosa historia literaria, merecía un traballo de investigación que, modestamente, contribuíse a canonizalo. 

"Se non se tiveran cruzado na súa vida Del Riego, Piñeiro e Carvalho Calero a súa traxectoria sería distinta. Conseguiron sacar Nimbos case con forceps".

-Na súa monografía sorprende descubrir o mundo literario que rodeou a Díaz Castro, desde a figura fundamental de Iglesia Alvariño até Manuel María, Claudio Rodríguez Fer, Carme Blanco, Luis G. Tosar e tantos outros. 

O que pretendía o libro era que os coñecedores descubriran novas informacións, cubrindo espazos e territorios descoñecidos e á vez tentei que fora unha biografía documental, mais unha narración biográfica, que se lera como relat e unha segunda parte máis didáctica que convencera tamén a un rapaz máis ou menos instruído. Hai aínda unha terceira parte na que tentei facer ver que é unha estela solitaria mais que foi creando unha rede subterránea de filiacións e empatías que o foron recibindo como herdo e procesando a súa pegada. Sempre se tivo del en vida a idea dun home illado mais iso tamén é debido a que viviu moitos anos en Madrid, lonxe da terra, cun traballo profesional de tradutor que ocupou moito do seu tempo. Nimbos non tivo continuidade pola dedicación do seu traballo. O tempo laboral diúrno estaba no seu traballo e ás noites traducía sen parada, poño por caso, clásicos nórdicos para Aguilar, volumes de até 1300 páxinas. Isto explica un certo ermo no ámbito público. 

-Pola contra, desde dentro tentaban animalo a participar no ámbito literario. Vostede destaca o papel de Fernández del Riego no nacemento de Nimbos. 

Unha das súas sortes foi a xente que cruzou nos seu camiño. Tivo a fortuna, por exemplo, de topar con Aquilino Iglesia Alvariño cando estaba no seminario de Mondoñedo que foi para el unha sorte de irmá maior,  que o animou a presentarse aos Xogos Florais e a continuar no mundo literario. Aquilino dille a González Alegre que o convide a participar na revista Alba e grazas a iso del Riego detecta un poeta inmenso. Se non se tiveran cruzado na súa vida Del Riego, Piñeiro e Carvalho Calero a súa traxectoria sería distinta. Conseguiron sacar Nimbos case con forceps. Hai todo un epistolario arredor da publicación de Nimbos e, as primeiras cartas nas que o animan a publicar son do 1955 e mira o que tardaría en saír o libro. 

-O episodio e é realmente singular. Por que tardou seis anos en publicar Nimbos desde o primeiro convite?

Foron cinco anos eles presionando e el respostando que o traballo non o deixaba e dando argumentos polo estilo. Piñeiro e Del Riego eran moi tenaces e continuaban. Querían que saíra canda Os Eidos de Novoneyra e o tema foise adiando até o 61 e son só 32 poemas, algúns xa publicados na antoloxía de Del Riego, outros que naceran en Alba e só unha ducia e media novos. Despois da publicación do libro vén unha grande paréntese que só se abre a través da figura de Alfonso Blanco Torrado, que traballou desde a Asociación Xermolos por dignificar a súa figura e a súa obra. Nos anos setenta había paisanos de Guitiriz que pensaran que morrera. Era moi prudente, non se daba a coñecer. Alfonso Blanco e Xulio Xiz, desde o punto de vista mediático, contribuíron a popularizalo xunto co traballo académico e técnico de Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco que lle deu prestancia de autor de referencia desde o punto de vista da alta investigación. Tamén o grupo da revista Dorna con González Tosar incorporaron o seu nome á cabeceira de maneira intensa. Todo ese exército de devotos dos anos oitenta fai que volva ao primeiro plano e logo fómonos sumando outros. Trátase dun poeta indiscutíbel, un tradutor moi interesante e un docente querido polo seu alumnado. Pode ser que ter publicado só un libro pequeno non o favorecese mais no outro lado da balanza está o feito de ter os mellores valedores posíbeis. A súa voz deféndese por si propia, mais, neste caso, tivo un coro ao se arredor. 

"Todo un exército de devotos dos anos oitenta fai que volva ao primeiro plano"


-Manuel María defíneo con tres características, “a autenticidade, a mesura e a humildade” dun home “sen pretensións”. Comparte esa imaxe?

Manuel María quería moito a Díaz Castro e este a el e a Saleta. Coñecía moi ben a súa poesía. Nos últimos anos Alfonso Blanco levábao a ver os amigos e un dos destinos era Monforte para atoparse con Manuel e Saleta, con quen tamén coincidían en Pardiñas. Tiñan un afecto sincero e fondo. Díaz Castro era discreto, prudente e non lle gustaba o feirón literario. Bo conversador, afábel e moi amigo de seus amigos. Non estaba interesado en estar na foto, ao contrario, gostaba de se poñer nun segundo plano. Na súa vida só temos documentada a participación en dous recitais, un ao pouco de publicarse o libro no Centro Galego de Madrid, fixo que por compracer a Ben Cho Shey, e o outro nos anos oitenta, cando Alfonso lle pediu que recitara para os veciños. A ese recital asistiu Manuel María que foi quen o presentou de maneira improvisada e foi tamén o día no que se coñeceron. De feito, cando se publicou Nimbos foi o primeiro marabillado na reacción unánime. Pasáballe como a Pessoa, sabía que era capaz de escribir con talento mais até que se expón publicamente descoñece cal vai ser a reacción dos seus iguais. Quedou sorprendido de que Otero, Vicente Risco, Carvalho Calero... todo o mundo e sen fisuras aplaudira o libro. Paradoxalmente, isto non foi o que máis o axudou. Mesmo puido ser que, dado o seu perfeccionismo, acabara paralizándoo de cara vindeiros proxectos. Piñeiro e Del Riego insistiron para que fixera un segundo libro e el dicía que tiña o convite presente mais non foi alá porque non tiña tempo vital nin circunstancias para desenvolvelo. 

"Quedou sorprendido de que Otero, Vicente Risco, Carvalho Calero... todo o mundo e sen fisuras aplaudira o libro".

-As vidas apaixonadas son moi agradecidas para biografar, con episodios case literarios. Pola contra a vida de Díaz Castro non é un reto para un biógrafo? 

Foi un grande desafío. A súa vida non é a dun escritor viaxeiro, aventureiro, é, en certo punto, anodina. Procede de extracción rural, ten unha mente brillante e a fortuna de que na súa familia se decatan de que non se pode desperdiciar tanto talento e o mandan ao seminario de Mondoñedo. Na guerra dáse unha fractura e queda nun momento como cando a buxola comeza a dar voltas sen saber onde vai parar. Volve ao seminario e quen o rescata é Aquilino Iglesia que é cando colle o norte e vai para Vilagarcía a traballar como docente, cultivando tamén a súa outra grande paixón que é a tradución. Xungue poesía e linguas. Era funcionario, mais un funcionario especial, que era quen de ler e traducir practicamente todas as linguas de Europa. Por insistencia e cun parto demorado da a luz este libro que supón unha lostregada na poesía dese momento. Despois deriva nun pasar máis ou menos silandeiro até que se xubila e decide volver a Galiza. É cando Alfonso e outros amigos fan que reviva como poeta. 

-Vive o tempo do golpe e a ditadura, como responde diante destes acontecementos?

Non é un poeta que tivera unha posición na preguerra ideoloxicamente moi ao extremo. Se tivera que o definir diría que é un galeguista tradicionalista. Mesmo estando en Madrid, aínda que fisicamente apartado da Terra moitos anos, mentalmente sempre estivo na Galiza. Sempre cismando na Terra e na paisaxe. O que levaba nos ollos era Guitiriz e a Chaira. Tampouco foi nunca afecto ao rexime, é dicir, non tivo coqueteos que tiveron outros. Simplesmente era galeguista tradicionalista, próximo, eu diría, á posición dun Ramón Otero Pedraio. Non é un autor de grandes riscos, de grandes episodios que arquen puntos de inflexión. A súa biografía podería ser  ade calquera, máis tamén é a dun ser excepcional. Unha vida plácida, un traballador tremendo, mais tamén moi prudente. O que era como cidadán tamén o foi como autor. É certo que a súa non é unha vida apaixonante e iso foi unha dificultade engadida á hora de elaborar a biografía. 

"A obra publicada supón, cuantitativamente, unha sétima parte da súa poesía en galego. Publicou en libro 32 poemas e escribiu máis de douscentos"

-Reparei no seu libro no título dunha obra súa como tradutor da que non me resisto a preguntar. Trátase do glosario septilingüe Nuevo diccionario internacional del frío. Cal é o contido do libro? 

O título é moi poético e a realidade máis gris. No 1948 comezou  a traballar no Ministerio da Gobernación e no 1966 no CSIC, no que se chamaba Instituto del Frío e logo pasou a se chamar Centro del Frío. Facían traballos técnicos de refrixeración, circuítos de frío... todo moi técnico. Nese anos había un organismo internacional que organizou un congreso mundial en Madrid e froito dese evento que se desenvolvía en distintas linguas houbo que facer traducións e el era o encargado de todo. Eu fun seguindo e conseguindo a súa obra como tradutor e podo dicir que o Díaz Castro tradutor arrecunchou ao poeta. Son centos e centos de páxinas. Nunca ativo tempo, nin vagar nin forzas para darlle xeito a un libro maior. Tanto traducía do alemán un libro como “Con tijeras y papel” que era de manualidades para nenos como a obra de Rilke ou Victor Hugo.

-Referencia moita obra inédita que é este ano verá a luz. Deixará Díaz Castro de ser o poeta de Nimbos? 

A obra publicada supón, cuantitativamente, unha sétima parte da súa poesía en galego. Publicou en libro 32 poemas e escribiu máis de douscentos. Ten unha explicación, boa parte deles pertencen a dous poemarios de preguerra, obra de mocidade, dun primeiro Díaz Castro de 19 ou 20 anos e non é a voz que coñecemos por Nimbos. Non tiña a mesma experiencia vital de cando publica con 47 anos. Eses dous poemarios non son menores, mais hai que valoralos á luz do contexto literario do seu tempo. Poden estar á altura de Do ermo de Noriega Varela, Codeseira de Crecente Vega ou Señardá de Iglesia Alvariño. En ambos libros hai exemplos de calidade e logo están os poemas de Díaz Castro, algún de moito interese coma a “Oración polos tolos” que publicou en Alba e non me dou explicado a razón de non ter introducido en Nimbos porque está á altura de calquera dos poemas do libro. O valor da Poesía Galega Completa vai ser unha radiografía integral do Díaz Castro na que se verá a dimensión dos seus ensaios poéticos ate os poemas de recollida dos últimos anos da súa vida. Hai un poeta en distintos momentos do seu periplo autorial coas diferentes poéticas. 

-Vostede que se meteu como biógrafo na súa vida que razóns atopa para que non publicase eses libros de mocidade?

Cando en vida lle preguntaban por eses libros el dicía que os perdera, que os prestara a compañeiros e non llos devolveran nunca. Resultou logo que os tiña perfectamente gardados na gabeta da mesa de noite, metidos en carpetas e impolutos. A Universidade de Santiago publicará un facsímile de Follas Verdes, no que está a traballar Juan Blanco Valdés. Cando se vexan sorprenderá como deixou feita a cuberta,a portada, a portadiña interior... Mimounos. Escribiunos con agarimo mais despois fíxose adulto e foi aumentando o seu caudal de lecturas e, como políglota que era, leu todos os poetas alemáns centroeuropeos, poño por caso, e foi depurando a súa poética. Sen embargo, hai, por exemplo, un poema en Nimbos que se titula “Esmeralda” que xa está nos cadernos de preguerra. 

"Lois Pereiro pode ser quen máis se achegue a ese xogo de diálogo interpoético, con esas arxilas para crear un monumento poético".

-A súa biografía descobre un poeta apreciado polos seus coetáneos e tamén pola xeración literaria posterior, en concreto, por poetas dos oitenta. Sen embargo fala dunha “voz singular e irrepetibel”. Non creou escola nin deixou herdanza literaria?

Digamos que hai ecos del, citas en homenaxe, mais non unha poética parella ou actualizada, modernizada da que sexa herdeira. Se un le algúns poemas de González Alegre, Franco Grande ou Antón Tovar descóbrense concomitancia mais non se pode dicir que sexan seguidores desta estética. Probabelmente o que escribía Díaz Castro só era el quen de facelo. Non hai ningún autor coa súa formación para o mundo espiritual, pannatural e que tamén teña procesado o número de lecturas que el tiña. Nese sentido, si é unha voz singular e irrepetíbel. Se me apuras, citaría a Lois Pereiro como o que máis se achega a ese xogo de diálogo interpoético, con esas arxilas para crear un monumento poético. Coñecéronse en Madrid nun episodio moi literario. Comezaran a falar sen se identificar e Díaz Castro preguntoulle polas súas preferencias literarias en galego ao que Pereiro, sen identificar ao seu interlocutor, respondeu que estaba entusiasmado con Nimbos. É moi difícil que Díaz Castro se repita. 

-Que agarda vostede que aconteza este ano, como situará a figura de Díaz Castro? 

Faríame ilusión que cando chegue decembro Díaz Castro ademais do poeta de Nimbos e "Penélope", como foi sempre, sexa de toda esta obra que ten o seu valor e que foi mágoa que non publicase. Que se descubra tamén a súa faceta de tradutor de textos. Neste momento estou preparando un libro que publicará o Consello da Cultura Galega con 150 páxinas que será un cartafol de tradución de poemas, con textos editos e inéditos poéticos do galego ao castelán,do francés ao castelán, do francés ao inglés e ao galego... é tremendo! Introduzo tamén poemas que el escribiu en alemán e francés e un par deles en latín. Gustaríame que se descobrese ese Díaz Castro inmenso, que foi quen de escribir noutros idiomas, o poeta alófono, o tradutor tan versátil e o autor dunha obra aínda descoñecida. Nimbos e Penélope son a xoia da coroa pero hai que coñecer tamén o corpo do monarca.