Armando Requeixo presenta na USC a primeira tese sobre Díaz Castro

Armando Requeixo presenta na USC a primeira tese sobre Díaz Castro
Armando Requeixo
Armando Requeixo  Xoán Álvarez

No ano no que a Academia lle dedica o Día das Letras Galegas e se cumpre o centenario do seu nacemento, o crítico e investigador Armando Requeixo presenta na Universidade de Santiago a primeira tese doutoral sobre o poeta Díaz Castro. 


Dirixida polos profesores e investigadores Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, a tese “A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: Estudo e edición crítica” será presentada no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC esta sexta feira 28 de febreiro ás once da mañá. Tanto Carmen Blanco como Claudio Rodríguez Fer son, á vez, investigadores e grandes coñecedores da obra do autor, con quen tiñan unha intensa amizade. 

A tese de Armando Requeixo é a primeira que se presenta dedicada ao poeta Díaz Castro e trátase dunha ampla investigación tanto da súa traxectoria biográfica como literaria, alén da edición crítica da súa poesía en galego. O traballo de Requeixo dará a coñecer por vez primeira boa parte da obra do autor de “Nimbos” que ate agora permanecía inédita, en especial, os poemarios de mocidade. 

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero preside un tribunal que está composto polo poeta e investigador Arcadio López-Casanova, da Universidade de Valencia; Aurora López, da Universidade de Granada; Xosé María Dobarro, da Universidade da Coruña, e Xosé Manuel Salgado, da Universidade de Santiago de Compostela. Armando Requeixo vén de publicar en Galaxia a primeira monografía do ano arredor da obra e a vida do poeta Díaz Castro.



x