DOAZÓN AO MUSEO DO POBO GALEGO

Dos armarios da Fundación Rosalía de Castro

Dos armarios da Fundación Rosalía de Castro
Dúas pezas da doazón da Fundación Rosalía de Castro ao Museo do Pobo Galego. Foto: Fundación Rosalía de Castro.
Dúas pezas da doazón da Fundación Rosalía de Castro ao Museo do Pobo Galego. Foto: Fundación Rosalía de Castro.  
A Casa da Matanza, en Padrón, agocha aínda cuestións por resolver. Por caso, a orixe da importante colección de roupas de finais do XIX e comezos do XX que a Fundación Rosalía de Castro vén de doar ao Museo do Pobo Galego.

“Trátase dunha colección que os especialistas consideran moi valiosa”, explica a Sermos Galiza o presidente da Fundación, Anxo Angueira, “e que, antes da reformulación museística que fixemos, expúñase no cuarto da poeta”. Ao mudar o discurso da mostra permanente, nunha decisión adoptada pola presidencia de Angueira, aqueles materiais desapareceron do espazo público do inmoble. “Eliminamos todo o que fose simulacro, e aquelas roupas non eran de Rosalía”, engade.

Chambras, corpos de traxe ou chaquetas que seguían “as pautas da moda internacional” da época compoñen a doazón, que destaca “polos tecidos e adornos”: damascos, veludos, tules, satens, tecidos da industria téxtil europea, liño, la, algodón ou seda. E adubiados con agremáns de cordón e abelorios de vidro.

“Son roupas de muller e, certamente, non moi populares, máis ben propias da clase alta”, sinala Angueira. Nos arquivos da Fundación Rosalía non consta a súa procedencia, pero si se sabe a súa datación: de 1875 ao primeiro ano da Gran Guerra.

A propia institución doante salienta entre as pezas un corpo de traxe feminino de satén de seda en cor verde, con adornos de tule e un bordado floral de diferentes cores. “A cinturiña interior ten a marca da modista Emilia Morales, de quen sabemos por unha factura da época que esta estabelecida no número 30 da rúa Santo André da Coruña na década de 1870”, expón unha nota emitida desde a Casa da Matanza.