Arquitectura galega na Bienal de Venecia

Arquitectura galega na Bienal de Venecia
Bienal de Venecia
Bienal de Venecia  

As maquetas dos estudos de Creus e Carrasco e Elsa Urquijo móstranse en dous “palazzos” na Bienal de Venecia.


O Palazzo Bembo e o Palazzo Mora acollen as propostas dos estudos arquitectónicos de Elsa Urquijo e Creus e Carrasco nunha iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña que sitúa á Costa da Morte no epicentro da arquitectura coa participación na 15º Exhibición Internacional de Arquitectura, dentro da Bienal deVenecia de 2016.

“A participación destes dous estudos na Bienal de Venecia supón unha promoción a nivel internacional non só da excepcional calidade da arquitectura contemporánea galega senón tamén da Costa da Morte, que está a sorprender pola súa forza paisaxística, pola súa historia, polas tradicións e pola súa gastronomía como un destino turístico de especial interese”, sinalou o deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, que destacou a atención que estaban a suscitar as propostas dos dous estudos na exposición de Venecia.

En dous “palazzos” de Venecia instalou a área de Turismo da Deputación da Coruña as propostas dos estudos de Creus e Carrasco e Elsa Urquijo que participan na 15ª  Exhibición Internacional de Arquitectura que se iniciou o pasado xoves 26 de maio dentro da Bienal de Venecia.
 
A obra dos dous estudos galegos atópase na exposición denominada “Time, Space, Existence”, o  certame oficial onde os arquitectos de todo o mundo poden expoñer as maquetas das súas obras no European Cultural Centre e nos Palazzos Bembo, Mora e Rossini, espazos xa de referencia para a promoción mundial da arquitectura.
 
O estudo Creus e Carrasco participa coa obra titulada “Transicións en contexto. Entre o territorio e a arquitectura”. Trátase dunha maqueta elaborada en metacrilato na que se reflicte a silueta da Costa da Morte situando, en cada poboación, as súas obras na comarca.  A proposta de Creus e Carrasco, que está instalada no histórico Palazzo Mora , un lugar privilexiado de Venecia, ofrece unha combinación entre o abstracto e a realidade a través das que se descobren as transicións entre o territorio e a arquitectura. O obxectivo é trasladar o proceso polo que se xera a translación entre a paisaxe e o obxecto.
 
A maqueta acompáñase cun pequeno libro que serve ás persoas visitantes como guía para coñecer polo miúdo cada obra que se representa. A publicación serve tamén de mapa da Costa da Morte para coñecer as diferentes localidades e a súa natureza xeográfica.
 
A proposta de Creus e Carrasco combínase cun vídeo que se proxecta en bucle que recolle e presenta distintas imaxes da Costa da Morte. Destaca a combinación entre os espazos que se forman na natureza cos espazos de arquitectura interior, combinando en diferentes fotogramas, entre outras,  imaxes do interior dunha cova do monte Pindo cos dunha casa de Carnota. A idea do estudo arquitéctónico é trasladar toda unha experiencia sensorial que nos traslada aos espazos que o ser humano é capaz de crear nun espazo de grande riqueza paisaxística e intensa forza como é a Costa da Morte.
 
“In Finis Terrae”
 
A presenza da Costa da Morte na Bienal de Venecia promovida pola área de Turismo da Deputación da Coruña complétase coa proposta de Elsa Urquijo no Palazzo Bembo, na beira do Gran Canal e a escasos metros da ponte de Rialto. A súa obra, titulada “In Finis Terrae”, trátase dun tótem feito en rafia e selado para que adquira dureza e poida sosterse. Ese marco regular inclúe no seu interior un pozo circular recheo de auga. 

O proxecto da estudo de Elsa Urquijo quere transmitir a regularidade da vida fronte o infinito, provocando a sensación da infinitude cando a persoa visitante accede ao interior do tótem, co aliciente da aparición da auga como xeradora de todas as cousas. O tótem acompáñase de dous vídeos (un en positivo e outro en negativo) que recollen un time laps no Cabo Vilán titulado “a ola” no que se aprecia o infinito fluír do mar, en constante movemento sen comezo e sen fin. Acompáñase a proposta de 3 cubos de granito, materia cabeceira do país.