REEDICIÓN DO ENSAIO DE VILLARES SOBRE OTERO PEDRAYO

'Arredor de si' como exercicio de “nacionalización literaria”

'Arredor de si' como exercicio de “nacionalización literaria”
O historiador Ramón Villares. Foto cedida.
O historiador Ramón Villares. Foto cedida.  

“Aquí remata o primeiro, longo e tráxico estadio do vivir de Adrián Solovio. Dende agora identifícase coa vida de Galiza”. É así como Otero Pedrayo pon o ramo a unha das súas novelas máis sonadas, Arredor de si (1930). A partir dela o historiador Ramón Villares traza un ensaio sobre o devalar intelectual dunha xeración, a Nós, agora reeditado por Galaxia: Fuga e retorno de Adrián Solovio.
 


De subtítulo Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista, o núcleo do texto fórmao o discurso de ingreso de Villares (Xermade, 1951) na Real Academia Galega en 2005. A Fundación Otero Pedrayo encargouse de publicalo, revisado e ampliado, dous anos despois.

“Non é frecuente que un libro escrito por un historiador sexa dedicado a analizar feitos non reais nin comprobables documentalmente”, argúe o autor no Prefacio a esta terceira edición, “pero esta foi a aposta: analizar as relacións entre a narración literaria e a biografía familiar do autor e da súa estirpe, nun diálogo entre experiencia vivida e tradición adquirida, situados nun tempo histórico concreto”.

fuga e retorno adrián solovio - ramón villares (cuberta)

Arredor de si responde ao modelo de bildungsroman, novela de formación. Pero a dicir de Villares, sobárdao. “Pode considerarse unha obra de 'nacionalización literaria', de creación dunha identidade nacional a través da literatura”. Protagonizado por Adrián Solovio —“un trasunto de Otero Pedrayo e dalgúns dos seus familiares”—, o romance relata a súa fuga e regreso ao país natal. “A decisión de retornar é o feito máis importante da obra”, di o ensaísta.

A peripecia de Solovio por Madrid e outras cidades castelás resulta paralela ao seu tránsito ideolóxico. “A solución ao seu desacougo é o nacionalismo. O retorno do fillo pródigo non é para substituír, o pai senón para cumprir unha misión patriótica”, explica Ramón Villares. No corpo e na intelixencia de Solovio latexa unha transformación colectiva: a do grupo de intelectuais de orixe conservadora que se agruparon como Xeración Nós.

O propio Villares estabelece, no Prefacio de Fuga e retorno, as conexións entre certos traballos desa promoción e o “pensamento europeo axuntado baixo o rubro de 'revolución conservadora”. O historiador detecta analoxías nas consideracións a respecto do papel dos individuos, da política, da cultura e, “sobre todo, da nación como expresión dunha conciencia e dun destino”. A figura tutelar do reaccionario escritor Maurice Barrès —“o introdutor da palabra 'nacionalista' no léxico político francés”— é outra característica compartida.

Con eses vimbios, Otero Pedrayo facturou unha novela de iniciación e de tese, unha narración sobre descubrir o máis próximo e traballar “para colocar a patria galega 'nos mármores da historia'. Rescate da tradición e, ao tempo, localización de Galiza no concerto das culturas nacionais europeas”.

“O complemento desta mensaxe, co que acaba este libro, é empalmar a Xeración Nós cos seus herdeiros e seguidores, que xa forman parte de institucións como un hipotético Seminario de Estudos Galegos”, conclúe Ramón Villares sobre un Arredor de si que, ao seu ver, non procuraba situarse no canon literario “senón intervir na vida intelectual da Galicia do seu tempo” dun punto de vista “pouco literario e claramente político e doutrinal”.