DO 6 AO 12 DE AGOSTO

Arrinca a XV edición de Viñetas desde o Atlántico


Arrinca a XV edición de Viñetas desde o Atlántico
O festival de banda deseñada enche a cidade da Coruña de actividade un ano máis, cun programa que abrangue presentacións de libros e proxectos, exposicións, encontros, un ciclo de cine e a presenza de convidados coma Frank Quitely ou Homs.

Viñetas desde o Atlántico segue a medrar: é un festival quinceleiro, pero cada vez abrangue máis espazos da cidade herculina, diversifica máis a súa actividade, e achega propostas máis novidosas. Unha das novidades deste ano son os encontros profesionais cos artistas convidados, que teñen lugar ao longo de toda a semana no Palexco. Ademais haberá conferencias e visitas guiadas abertas ao público, e proxección de filmes relacionados co mundo do cómic na FNAC: Chico e Rita, De Profundis, Enrugas ou As Aventuras de Tintín.

Haberá ocasión de achegarse a obras premiadas recentemente, coma La Muchacha Salvaje (Premio Internacional de Novela Gráfica no 2011 ), cuxa autora, Mireia Pérez, participará nunha mesa redonda este xoves onda o subdirector do Festival, Carlos Portela, Pedro Toro, David Rubín e un convidado sorpresa, e cuxos bosquexos orixinais poderán verse na FNAC na mostra “Debuxar sen rede”. Ou o Titoán, de Iván Suárez e Ignacio Vilariño,Premio Castelao de Banda Deseñada 2011, que se presenta no Kiosco Alfonso o venres.

Aínda que a actividade central do programa desenvólvese esta semana, até o 4 de setembro poderá verse no Kiosco Alfonso a obra de R.M. Guéra, José Domingo, RM Guéra, Homs, Rubén Pellejero e Bartolomé Seguí. A de outro dos convidados, o escocés Frank Quitely, “pai” de Sandman, Daredevil ou New X-Men, estará no Palexco, xunto con outra mostra de varios autores clásicos sobre Batman.