TRADUCIÓN DA FÁBULA DO KENIANO NGUGI WA THIONG'O

Así se ergueu o ser humano para ser libre

Así se ergueu o ser humano para ser libre
O escritor keniano Ngugi wa Thiong'o en 2012. Foto: cedida.
O escritor keniano Ngugi wa Thiong'o en 2012. Foto: cedida.  

A fábula narra a división do traballo no corpo humano. “Converteuse nunha formidábel máquina biolóxica que avantaxaba en moito mesmo ao máis grande dos animais”, escribe o seu autor, o keniano Ngugi wa Thiong'o, “tanto na cantidade como na calidade dos seus logros”. A revolución vertical, traducida a máis de 80 idiomas, vén de aparecer en galego.
 


Publicada pola editorial Galaxia e traducida por Xosé Álvarez Alonso, subtitúlase Ou por que os seres humanos e inclúe fermosas ilustracións de Agustín Comotto. Orixinalmente escrita en kikuyu, a lingua da familia bantú que emprega o maior grupo étnico de Kenia, “expón que cada un sabe facer cousas diferentes e que todos son necesarios para avanzar”. Explícao o tradutor, que realizou o traballo a partir do inglés, na Introdución.

“No noso corpo / non hai serventes / Formamos un corpo san / Beleza é unidade”, cantan os órganos do corpo para celebrar a súas novas funcións. A revolución vertical comeza nun tempo remoto, en que os seres humanos “camiñaban de poutelas, como o resto de criaturas con catro extremidades. Os humanos eran máis rápidos ca a lebre, o leopardo ou o rinoceronte”. Ate que as extremidades optan por se especializar.

slider-a-revolucion-vertical

“Cada órgano tiña que funcionar ben para que todo funcionase ben”, ditamina o narrador deste canto á igualdade desde as diferenzas. E é que nese falso paradoxo resúmese o traballo literario de Ngugi wa Thiong'o (Kamiriithu, Kenia, 1938). Trátase dun dos principais intelectuais africanos vivos, antiimperialista militante, marxista, e exiliado desde finais dos anos 70 tras pasar pola prisión a causa dunha obra de teatro.

No esteiro de Fanon


“Escribe actualmente en kikuyu, a súa lingua materna”, expón o Epílogo da edición de Galaxia, “pero faino desde un proceso de autocrítica e revisión do uso que se fai do inglés e da contribución á súa cultura”. Autor de ensaios como Mover o centro (1993) ou Descolonizar a mente (1986), mantén acesa a tradición política de Frantz Fanon: “É hoxe un dos pensadores máis importantes a nivel internacional e referente na loita contra o imperialismo e o neocolonialismo”.

O “neoescravismo” denunciado por Thiong'o esténdese, ao seu ver, por outros lugares. “Para el, o Terceiro Mundo é todo o mundo”, engade o limiar, que define A revolución vertical ou por que os seres humanos camiñan ergueitos como “unha fábula sobre a igualdade e a xustiza e unha reivindicación da literatura oral”.

Nota: cuberta da edición galega de A revolución vertical.