Así vai ser o adeus de Nao: “Tomemos os mares, queimemos as naves”

Así vai ser o adeus de Nao: “Tomemos os mares, queimemos as naves”

O 20 de novembro sae o seu derradeiro disco, que se presentará para fans e medios nun local compostelá. E o 5 de decembro, concerto. Vídeo no interior.


A inicios de outubro Nao anunciaba o seu adeus após 13 anos de música, compromiso e festa. Un adeus ao grande, con disco e xira de despedida. O 20 de novembro publicarase ‘Ata que o lume se apague’, o que vai ser o seu derradeiro traballo. O grupo vén de anunciar no seu FB que ese día, 20 de novembro, presentará o disco a medios e fans (entrada de balde até completar aforo) na Nave de Vidán, en Compostela. E o 5 de decembro, concerto, na Capitol, tamén na capital galega, a partir das  21:30 horas.

‘Ata que o lume se apague’ son 13 temas  gravados a camiño entre Galiza e Euskadi e producidos por Iago Pico e, en dous temas, por Kaki Arkarazo, quen fora membro de bandas como M-AK, Negu Gorriak ou Nación Reixa . “Franco Resurreción”, “Mazo armado”, “Alba de Groria” ou a canción que lle dá título ó disco “Ata que o lume se apague” son algún dos títulos dos temas fan parte deste traballo, así como “Ceder á decepción” ou “Náufrago a contravento”.

Trece anos

A primeira formación de Nao nace da conxunción de músicos con diversa experiencia dentro do rock, o punk e o metal galego: Xenreira, Fusquenlha, M.D.R, Fai Tun Flai ou Indana.
 

En outubro do 2005 dan o seu primeiro concerto no Centro Social a Revolta, en Vigo. Tras a gravación das primeiras maquetas e dunha xira por distintas vilas de Galiza, viaxan cara aos estudos Garate, de Euskal Herria, onde darán forma ao seu primeiro disco “As palabras espidas” (2007), ao que seguirán “Coas túas mans” (2010), “Cancións de amor e liberdade” (2012) e “Cartas no caderno” (2014). Emproan cara a unha triloxía finalbaixo o epígrafe de “Apocalipse NAO”. “Soñar” (2016), “Crear” (2016) foron dous dos tres discos. E agora vén “Ata que o lume se apague”.



x