A Asociación de Orquestras presenta unha iniciativa para declarar BIC as festas parroquiais

A Asociación de Orquestras presenta unha iniciativa para declarar BIC as festas parroquiais
[Imaxe: CC] Festa do polbo do Carballiño, que en 2019 cumpriu 57 anos
[Imaxe: CC] Festa do polbo do Carballiño, que en 2019 cumpriu 57 anos  

O Centro Comarcal A Mariña Central de Mondoñedo acolleu a presentación dun plan que pretende que a Xunta recoñeza o especial carácter dunha tradición “única no mundo”.


A Asociación Galega de Orquestras (AGO) deu a coñecer no Centro Comarcal A Mariña Central, en Mondoñedo, a súa iniciativa para que a Xunta dA Galiza declare como Ben de Interese Cultural (BIC) as festas parroquiais.

O obxectivo desta proposta é “a protección real dun xeito concreto de entender as festas único no mundo”, explican desde AGO a Sermos Galiza. “Buscamos que a administración se implique, protexendo e incluso fomentando estas festas, recuperando as que se perderon e defendendo esa tradición nosa de homenaxear o patrón ou patroa cunha festa que leva implícita unha procesión, unha pirotécnica, unha degustación gastronómica, unha música...”, engaden.

Recollida de sinaturas

Avalado por un informe de Carlos Amoedo, catedrático da Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, o plan da Asociación Galega de Orquestras inclúe tamén a presentación á Consellería de Cultura dunha serie de sinaturas que están a recoller desde hai meses polas festas de toda Galiza, nun número aínda por definir.

Desde AGO calculan que a data na que presentarán a iniciativa para converter en BIC as festas parroquiais está “moi próxima, nunca máis aló do mes de novembro”. Unha vez rexistrada, o trámite administrativo por parte da Xunta de Galiza “pode prolongarse até dous anos, nos que eles comprobarán se este é un fenómeno digno de protección ou non”.