CONVIVIO O 13 DE XULLO EN OUTEIRO DE REI

Asociacións culturais de todo o país celebran o seu traballo e Manuel María

Asociacións culturais de todo o país celebran o seu traballo e Manuel María
A Casa Museo Manuel María, Outeiro de Rei. Foto: cedida.
A Casa Museo Manuel María, Outeiro de Rei. Foto: cedida.  

A Casa Museo Manuel María será, un ano máis, epicentro do Convivio da Cultura Galega. Asociacións culturais de todo o país, activistas, afeccionados e militantes achegaranse o sábado, 13 de xullo, a Outeiro de Rei para celebraren o poeta da Terra Cha e o traballo popular, de base, pola cultura.


“A romaría de Santa Isabel na claridade / eslumeante do ardoroso xullo”, escribiu o autor de Morrendo a cada intre (1952), “antes de comezar a dureza / e a ledicia da seitura, conmovíame / dun xeito sutil e imperceptíbel. / A música das bandas mesturábase / co lento en xordo salmodiar do Miño”.cart A2convivio6

No seu lugar preferido, con música de banda como a Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) lle gustaba, con todos os elementos propios das súas tan amadas romarías, o Convivio comezará ás once e media da mañá cunha actuación do coro Solfa. “Será unha xornada lúdica e festiva, de encontro e recuperación do espírito comunitario das tradicionais romarías, de foliada e xantar demorado”, di a organización, a propia casa museo, “ao redor da figura de Manuel María para celebrarmos a cultura do noso país”.

Unha hora despois, ás doce e media, Felipe-Senén intervirá no cemiterio de Outeiro de Rei, onde decorrerá unha ofrenda floral ao poeta. En paralelo, haberá un encontro de entidades culturais no auditorio da Casa Museo. A banda municipal Sons e Soños, de Rábade-Begonte-Outeiro, ofrecerá á unha -en sesión vermú- un concerto. Será na carballeira de Santa Isabel, outro senlleiro escenario manuelmariano.

Un xantar -en que cada participante levará a súa propia comida e bebida- precederá a foliada de tarde, con grupos de música tradicional chegados de moitos lugares. Así irase pechando a sexta edición do Convivio da Cultura Galega, “aberto a todas as persoas e a todo o asociacionismo cultural de base”.

O encontro conta coa colaboración da Federación Galiza Cultura de asociacións culturais, a Deputación de Lugo ou a asociación cultural Solfa.