ENTREVISTA

Asunta Rodríguez: “En Galiza hai unha sociedade que demanda cultura”

Asunta Rodríguez: “En Galiza hai unha sociedade que demanda cultura”
Asunta Rodríguez
Asunta Rodríguez  

A galería Trinta, a principal referencia na arte contemporánea en Galiza xunto con Ad Hoc, celebrou a pasada quinta feira os seus trinta anos cunha expo da artista ferrolá Pamen Pereira. Falamos do aniversario coa súa propietaria, Asunta Rodríguez. 


- Que balance fas deste 30 anos nun aniversario tan simbólico?
- Estes 30 anos pasaron moi rápido. Foi moito traballo, moita ilusión, moita implicación por parte dos artistas e tamén dos coleccionistas. Pero non quero facer balance porque nada está feito, nada está rematado. 

- Para empezar, Trinta sobreviviu á crise, que non é pouco. 
- Este é un sector moi fráxil, que non traballa con produtos de primeira necesidade e está a mercede do que pase. A arte é inútil e por iso é cara. Pero non teño claro que esta crise se poida dar por rematada...

- Non, pero os anos máis duros xa pasaron e a galería segue a ser unha referencia no sector. 
- Si, está claro, non estamos no escenario do 2009, que foi unha absoluta catástrofe, foi un parón en seco, durante meses non entraba ninguén nin soaba o teléfono, non entraba nin saía nada da galería. Ese pánico rematou, vese menos medo na xente e realízanse transaccións con relativa normalidade. Eu sempre pechei os ollos, nunca dixen que algo é imposible na miña vida, sempre dicía “ten que ser posible, ten que ser”, pero aínda así houbo momentos .nos que non podías dicilo porque era como unha tormenta perfecta. Xa pasamos os peores anos, pero pensa que a resaca que leva unha pequena empresa despois de tantos anos non gañando cartos e moitas veces perdéndoos, hai moito que darlle e moito que facer. Pero é certo que estamos aquí e que estamos bastante ben.

- Como cambiou o mundo da arte contemporánea nestes anos?
- A arte cambiou completamente, as novas tecnoloxías, a globalización... O mundo da arte converteuse nun negocio exclusivamente, cando paradoxalmente temos todas as ferramentas para que non sexa así. E a xente xa está aburrida de tanta oferta. 

"Nós queremos converter a galería non nun lugar de trato ou truco, exclusivamente de negocio, senón nun centro xerador de coñecemento"

- En que lle afectan as novas tecnoloxías a unha galería física como a vosa?
- Nós temos unha web actualizada constantemente, hai xente que se informa alí e chaman para preguntar. Hai unha frase dunha filósofa que di “as novas tecnoloxías achegan a xente que está lonxe, e afastan a xente que está perto”. Dende que hai web, Facebook, Twitter... a xente ve as expos de xeito virtual. Hai menos visitas nas galerías, pero quen quere mercar unha peza pode vela en foto pero case nunca vai vir á galería a vela en directo. Temos moitas máis maneiras de convocar, pero temos un espazo que queremos que sexa visitado, e os artistas fan obras físicas, e hai que ver como é a comunicación e como lle contas as cousas á xente. Nós queremos converter a galería non nun lugar de trato ou truco, exclusivamente de negocio, senón un centro xerador de coñecemento, as expos que se teñen feito desde hai moitos anos son expos feitas in situ, con alto risco, que ti entras e dis, “esta muller está tola, non vai vender nada, ten unha instalación de 60 vértebras de vaca colgadas do teito, quen vai mercar isto?” A nosa idea é deixarlle aos artistas que falen e logo dentro do almacén hai outro tipo de obras, pero o importante é que a galería non sexa unha tenda exclusivamente, que o é, pero que teña unha aposta polas montaxes, pola liberdade que se lle dá ao artista, iso creo que é o que hai que facer, converter a galería nun centro xerador de coñecemento. 

- E como afronta a Trinta os vindeiros 30?
- Bueno, imos facelo de mes en mes. Imos rematar esta temporada, empezar outra...
non non plantexamos nada. De momento imos rematar esta temporada e seguir traballando, ensinándolle aos galegos e galegas as cousas que pensamos que son boas e que máis nos gustan. Imos intentar facendo o mesmo que sempre. Mentres haxa público e haxa forzas intentaremos que nada mude para que mude todo. 

- Dis na web que estes 30 anos son tamén “mérito dunha sociedade madura, curiosa e tolerante”.
- Por suposto. Isto non é, teño moitos cartos e monto unha galería, son un ovni. Hai moito snob neste mundo, e unha ten que ter claro onde naceu, quen son os seus veciños e quen son os artistas da súa xeración, quen é a xente que realmente necesita un altavoz. Entón é certo que Pamen Pereira leva 23 anos trabllando con nós, Berta Cáccamo leva 23 ou 24, Murado leva vintenonseicántos, iso xera confianza nos clientes. Aquí non estamos coa moda. Aquí non dicimos pois agora lévanse os artistas chineses, e logo os expresionistas abstractos de non sei onde... a xente non é parva. Nós non temos que darlle ao público o que el quere, iso é moi fácil. Daquela poñeriamos unhas marinas e unhas paisaxes con floriñas, non, a xente non é parava, nós temos que dicirlle o que pensamos que está ben, suponse que somos técnicos, especialistas en arte. Se a xente a tratas ben, a xente responde. Durante algúns anos en Arco, había 5 galerías de Galiza, cando do País Vasco ía unha, dúas ou ningunha, de Andalucía como máximo chegaron a ir 3. Algo pasa en Galiza. Hai unha sociedade que demanda cultura evidentemente. 

- Celebrades estes 30 anos cunha expo de Pamen Pereira, unha autora da casa. 
- Foi a primeira decisión que eu tomei como directora da galería hai moitísimos anos. Entón que ela fechase ese círculo era poético, era fermoso.