Ataque Escampe pon fin a ano e medio de descanso e retorna co seu primeiro vocalista

Ataque Escampe pon fin a ano e medio de descanso e retorna co seu primeiro vocalista
Ataque Escampe (David Silva)
Ataque Escampe (David Silva)  

Álex Charlón, quen forza voz do grupo desde os inicios até 2015, regresa cunha formación anovada e que trae novo traballo baixo o brazo.


Ataque Escampe volve, após ano e medio de descanso, e faino con novidades: formación renovada, regreso do que fora o seu primeiro cantante (Álex Charlón) e un EP que se publicará en breve e que foi producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo).

A nova formación está composta por tres dos membros habituais (o baixista Lois G. Carlín e os guitarristas Miguel Mosqueira e Samuel Solleiro), aos que se suman agora Cibrán Tenreiro (Monstruo, Esposa, Zara) na batería, Julio Vilariño Cabezas  (produtor de Primeiros bicos, 2017) nos sintetizadores e Álex Charlón na voz. Charlón fora o vocalista principal de Ataque Escampe desde os seus inicios até 2015 e abandonara a banda despois da xira de presentación do LP O disco vermello (2014). O novo traballo, A alma, supón, así, o seu regreso ao estudio e aos escenarios.

A alma

O novo traballo, titulado A alma, estará dispoñible online o 13 de decembro e algúns días máis tarde sairá unha edición limitada en vinilo. Gravado entre maio e outubro de 2019 no Laboratorio Soyuz e producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo), A alma é a segunda ocasión en que Ataque Escampe traballa co formato EP.

Eles propios falan dun traballo “atmosférico e contemplativo que visita e homenaxea desde o pop outros xéneros coma o soul minimalista, o ambient, o progresivo alemán ou o mesmísimo rock de estadio”.

A presentación oficial do disco en directo será no concerto Adeus aos anos dez, o 28 de decembro, con ocasión do Guateque de Inverno da Gentalha do Pichel en Compostela

Suns Europe

Previamente a esa data, o 30 de novembro, Ataque Escampe serán os representantes da música en galego na quinta edición de Suns Europe, o festival europeo das artes en linguas minorizadas organizado cada ano na rexión italiana de Friûl-Venecia Xulia.