MANUEL FERREIRO

“A autoestima é fundamental para unha nación e as cantigas medievais poden contribuír a elevala”

“A autoestima é fundamental para unha nación e as cantigas medievais poden contribuír a elevala”
Manuel Ferreiro
Manuel Ferreiro  

O  Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa acadou premio Concepción Arenal de Investigación. O seu director, Manuel Ferreiro, destaca a relevancia para a cultura e mesmo para a conciencia nacional das cantigas e a súa investigación. 


Se o  Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa fose publicado en papel andaría polas cinco mil páxinas. A través da páxina web (http://glossa.illa.udc.es/) móstrase o monumental traballo desenvolvido pola equipa de investigación dirixida polo profesor da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro,  co que acadaron o premio Concepción Arenal de investigación. 

- Cando se abre o Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa a sensación é a de estar diante dun traballo de moito tempo. 

Desde hai anos estou centrado no estudo lingüístico-filolóxico das cantigas medievais, un monumento literario da nosa historia e do occidente europeo. Trátase da nosa carta de presentación inicial do século XIII e XIV. As cantigas foron sempre estudadas desde Portugal e Italia  mentres a dimensión de investigacións desde Galiza eran reducidas. Algúns eruditos como Xosé Luís Méndez Ferrín, Cotarelo Valledor ou Filgueira Valverde achegáronse a súa edición ou investigación con mellor ou peor sorte mais a erudición portuguesa e a escola italiana impuxéronse no seu estudo. 

-Que relevancia ten entón achegarse ás cantigas medievais desde unha visión galega?

Estou convencido de que cando os galegos nos achegamos ao noso patrimonio medieval lemos os textos doutra maneira porque forman parte de nós, non é pasto filolóxico, é o noso pasado, o que falaban os nosos devanceiros. Nesa liña de dedicación é na que compre situar este proxecto. Desde a Galiza non nos achegamos a estes textos como arqueoloxía. Son os nosos clásicos e temos que reivindicalos, actualizalos e interpretalos desde nós mesmos. 

"Son os nosos clásicos e temos que reivindicalos, actualizalos e interpretalos desde nós mesmos". 

-Que supón a publicación deste dicionario do léxico das cantigas?

Detrás hai toda unha prehistoria importante. O texto das nosas cantigas foi transmitido por manuscritos e a lectura é diferente segundo quen a faga. De aí tamén a importancia deste traballo. Onde un filólogo le unha palabra outro le outra. Non é como coa imprenta, que non hai dúbida da interpretación. Para este traballo collemos todos os textos, revisáronse todos os manuscritos e todas as lecturas que fixeron os diversos editores desde 1900 até hoxe,  confrontáronse as máis importantes edicións de texto. Revisei e corrixín millares de lecturas que considero que estaban erradas e a partir de aí organizouse un glosario convencional mais que é exhaustivo, non deixa fóra ningún contexto. Non fai só relación de palabras e aparicións senón que en cada unha distínguense acepcións e usos, locucións, construcións, rexencias... un traballo complexo. Calquera persoa que investigue ou calquera persoa con interese pode consultar calquera palabra dado que é accesíbel na páxina web. 

-Polo que di, será unha ferramenta útil para futuras edicións?

Considero que pode ser un material de consulta para unha futura edición, alén de poñelo a disposición dos galegos e galegas ademais de contribuír a traballar con máis seguranza na fixación dos textos dos nosos devanceiros. Ao noso ver era tamén a única maneira de publicar o traballo. Se fose en papel andaría arredor das cinco mil páxinas co que a súa difusión noutro soporte sería moi difícil.

-Suporá tamén unha nova plataforma para a difusión das cantigas, á maneira da da Universidade de Lisboa ou da do Centro Ramón Piñeiro?

A plataforma é un instrumento posto ao servizo dos investigadores e de quen se queira achegar. Internet fai que moitos resultados das investigacións se podan difundir con rapidez e se democraticen e nós temos a obriga de devolverlle á sociedade o que ten investido en nós. A páxina da Universidade de Lisboa inclúe as imaxes dos manuscritos ademais de informacións relacionadas coa música ou aspectos literarios. A do Ramón Piñeiro é máis erudita, inclúe os textos e ferramentas de tipo técnico. Xunto co Glosario constitúen, ao meu ver, as tres páxinas máis relevantes de difusión das nosas cantigas. 

-No equipo da Universidade Nova de Lisboa sorprende ver nomes como o de Nuno Júdice, escritor consagrado na actualidade. A nova literatura ten que ser debedora da riqueza das cantigas?

Son dos que penso que escritores e escritoras teñen que beber da tradición e a primeira son as cantigas que son os primordios da literatura galega. Non concibo un autor ou autora de hoxe que non teña lido a Rosalía, a Pondal, a Curros ou as principais mostras da nosa literatura medieval. Somos o que fomos. Está moi ben o contacto con todas as culturas do mundo, mais antes que nada temos que mirar para nós mesmos, para a nosa tradición. Cada vez que rehabilitamos unha forma correcta e eliminamos un castelanismo moi probabelmente estamos a utilizar unha palabra que aparece xa nos textos do século XIII. Lelos e recorrer a eles só pode traer beneficios para a lingua e para a escrita. 

"Non concibo un autor ou autora de hoxe que non teña lido a Rosalía, a Pondal, a Curros ou as principais mostras da nosa literatura medieval".

-De que nos fala ese léxico da lingua dos cancioneiros? 

Ademais de que os sentimentos expresados son os de hoxe, que senten e padecen polas mesmas cousas, se nos achegamos sen prexuízos comprobamos tamén que falaban coma agora. Mesmo as palabras consideradas nesta altura como obscenas están xa todas neses textos. En especial nas cantigas de escarnio e nas de amigo atopamos unha lingua rica, variada e expresiva. Naceron na Galiza histórica que chegaba ao río Douro e representan o que era unha unidade lingüística obvia e indiscutíbel que existiu até finais do século XIV mais que a deriva histórica levou a se separaren, Portugal independente e Galiza sometida a Castela primeiro e logo a España. 

-Da mesma maneira que desde o nacionalismo se reivindicou o Reino de Galiza, compre defender as cantigas como expresión literaria para a construción nacional?

É unha das glorias nacionais e, despois da provenzal, en todo o occidente europeo a lírica máis importante era a nosa. Nesa altura, na Península, foi a única escola lírica. Son un patrimonio indiscutíbel, non só de Galiza senón tamén de Portugal. Compre convencelos de que teñen que mirar máis para o norte e nós tamén máis para o sur. As cantigas son a expresión máis brillante do Reino de Galiza. Desde o punto de vista nacional é fundamental a autoestima e as cantigas poden contribuír a elevala.

 

(Esta entrevista foi publicada no semanario Sermos Galiza)



x