Axeitos e Benito Reza gañan o Losada Diéguez de ensaio e creación

Axeitos e Benito Reza gañan o Losada Diéguez de ensaio e creación
O ensaísta Xosé Luís Axeitos. Foto: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB).
O ensaísta Xosé Luís Axeitos. Foto: Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB).  

A biografía de Manuel Antonio e Terradentro, unha novela con misterio sobre a desaparición do mundo campesiño, veñen de ser recoñecidas co premio Antón Losada Diéguez. O galardón, que se fallou este sábado na Casa do Concello de Boborás, outórgase a obras publicadas e atinxe así a súa edición número 33.
 


Xosé Luís Axeitos (Asados, Rianxo, 1945), académico e ensaísta, é o autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017). O primeiro repaso integral á obra e á vida do autor de De catro a catro valeulle o Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio. “Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de nos presentar a Manuel Antonio”, di a xustificación do xurado, “o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismos, sempre á procura da liberdade”.

xosé benito reza

Este “extraordinario traballo de investigación” acompaña a primeira novela de Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) nas distincións do Concello de Boborás. Terradentro (Xerais, 2017), unha obra atravesada de memoria e certa intriga, “escrita nun galego de grande riqueza e cunha firme raíz na variante lingüística ourensá”, “achega un mundo a piques de desaparecer”.

Para o xuri, o traballo de Benito Reza inclúe “personaxes moi ben trabados” cun “ritmo áxil e atractivo”. “Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galiza interior”, conclúe.

Os premios entregaranse o vindeiro 9 de xuño en Moldes. Do xurado da XXXIII edición dos Losada Diéguez fixeron parte Ana Patricia Torres, Diego Fernández, Manuel Doval, Chus Pato, Francisco Calo, Pegerto Saavedra, María Teresa López, Xosé Manuel Salgado e Henrique Costas.

Nota: imaxe do escritor Xosé Benito Reza.