Axóuxere Editora convoca as súas residencias para escritoras e pensadoras en Rianxo

Axóuxere Editora convoca as súas residencias para escritoras e pensadoras en Rianxo

“Os procesos de escrita literaria así como a propia tarefa do pensar requiren espazos e tempos axeitados para provocar esa intensidade que dá a nacer a obra creativa, espazos e tempos liberados de obrigas e determinantes externos”. Nesa filosofía basea Axóuxere Editora a convocatoria das residencias de escritoras e pensadoras, que organiza co apoio do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña.


O proxecto ten “a intención de fornecer as condicións favorábeis para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios”. Dúas tempadas estacionais, unha de verán -agosto e setembro- e outra de outono -outubro, novembro e decembro- estruturan a proposta.

As persoas candidatas só poderán concorrer a unha das dúas residencias. “As solicitudes consistirán nunha proposta de traballo e investigación persoal a desenvolver no contexto da residencia”, sinalan as bases, “sintetizada nunha extensión máxima dun folio e anexando un relato autonarrativo en que a persoa fale de si mesma e explique as razóns que a motivan a facer a solicitude e a súa traxectoria creativa”.

O prazo de presentación de propostas comezou o pasado 31 de maio e remata o 5 de xullo. No caso das solicitantes admitidas, a participación nas residencias -nunha casa na aldea de Brión, parroquia de Leiro, rianxo- será de balde e a única forma de pagamento un seminario ou obradoiro no Concello de Rianxo e unha lectura, conferencia ou recital na localidade.