CRÍTICA DE MÚSICA

Azougue

A capa do cd
A capa do cd  

Comeza o disco co son dunha dulzaina soa. Sons ambientais, únense piano e percusións tradicionais. Acabamos tendo diante unha peza experimental (con dulzaina!) que abre o disco.

Que carallo é isto?

Iso é risco, é valentía, son moitos anos de profesión nas costas. É chegar a un punto onde apetece facer o que che presta. Isto é Azougue, un disco autoeditado cuxos protagonistas son Pedro Lamas nos ventos (sobre todo saxos), Jacobo de Miguel no piano e Xosé Lois Romero nas percusións tradicionais.

Non vos vou enganar, isto é un disco jazzy… Pero que disco! Non descoidan a vista ás raíces: séntense, nótanse, chéiranse.

Parabéns aos tres por tirarvos de cabeza e facer deste un mundo moito máis interesante

Son fascinantes os ventos de Pedro, transpórtannos, fannos viaxar a sitios moi agradables nos que quixeramos quedar para sempre. Son fascinantes os grooves do piano. Bravo, Jacobo, por esa versatilidade e por termar de cada parte musical con tan bo gusto. É fascinante o xeito no que empastan coas percusións de Xosé Lois: nótase que este é un músico global, que entende a música dun xeito horizontal, vertical e, se cadra, en círculos e hexágonos; canta cada parte, camiña acompasado cos compañeiros, cala ou berra cando ten que facelo.

Levo un mes co disco nas mans e escoiteino ducias de veces. E a “Danza nº2” canteina e baileina centos, púxena en bucle, que vicio.

Parabéns aos tres por tirarvos de cabeza e facer deste un mundo moito máis interesante. Se comezo o ano recibindo esta marabilla, non me estrañaría que o 2018 fose un grande ano musical.

Teño unhas doces saudades/ Que m’están magoando sempre/ Pois p’ronde queira q’eu vaia […] Con suspiros saudosos/ Meu corazón esmorece / Cando me vén á memoria/ A vizosa, pracibre Cecebre.