Banda Crebinsky presenta o seu "Jet Lag"

Banda Crebinsky presenta o seu "Jet Lag"
Imaxe do videoclib de Jet Lag
Imaxe do videoclib de Jet Lag  
A Banda Crebinsky naceu da película de Enrique Otero do mesmo nome e esa condición facía pensar na súa natureza circunstancial. Coa presentación do seu segundo traballo Jet Lag (Boa) confirman que o proxecto é sólido e refresca panorama musical.


Continúa na inspiración ecléctica e na solidez musical da súa primeira aposta, aquel Banda Crevisky que foi primeiro banda sonora, logo cd e despois sorprendeu nun directo vibrante a través do espectáculo “Universo Crevinsky” que recalou, entre outros no XXVI Festival Intercéltico de Ortigueira.

Desta volta o folk, o jazz, a música experimental ou mesmo o klezmer agroman a través dos doce temas no que os estilos se mesturan e rulan veloces para evocar a estética árabe, rusa ou mesmo punk. Dos temas cantados aos instrumentais, a evocación é a tónica coa que Jet Lag nos sorprende, pasando por múltiples universos nos que a Banda Crebisnky se move con comodidade.

Pablo Pérez continúa a estar detrás da composición das músicas, ao igual que na película dirixida por Enrique Otero, imprimindo un ritmo no que a mestura do tradicional cos sons contemporáneos conforman unha nova viaxe na que a metaforfose crebinskyana consigue, dalgunha maneira, provocar un jet lag pracenteiro. Talvez aí resida a identidade da banda, na mestura, no eclecticismo, no universo que se equipara a aquel de Kusturica con que tanto se emparentou. Unha aposta singular no panorama musical que toma forza en directos nos que a música se converte en enerxía compartida.

Banda Crebinsky presenta agora o seu Jet Lag mais en adianto botaron a andar polas redes o videoclip “Un piatto, dirixido por Enrique Otero, cunha desbordante ambientación que fai ás beiras ao surrealismo.