DA MAN DO FIZ DE KIKO DA SILVA

Banda deseñada para aprender a debuxar banda deseñada

Banda deseñada para aprender a debuxar banda deseñada
Detalle dun cadriño do personaxe Fiz, creado por Kiko da Silva.
Detalle dun cadriño do personaxe Fiz, creado por Kiko da Silva.  

Aprende banda deseñada con Fiz é xusto o que indica o seu título: un manual para debuxar cómic explicado en formato cómic. E protagonizado polo popular, e escatolóxico, personaxe creado por Kiko da Silva (Vigo, 1979), Fiz.


“Uuuaaau! Neste libro veñen todos os trucos para converterte nun auténtico debuxante de banda deseñada... Que ben! Acabo de decidir que xa non quero ser desempregado de maio. Vou debuxar comics!”. Con estas palabras de Fiz comeza o álbum de Da Silva, publicado por Xerais en 56 páxinas de cadriños a toda cor.aprende banda deseñada

“Fiz é o neno máis porco do mundo”, define a editorial o personaxe, nado en 2005 co volume Fiz nos biosbardos, “gústalle todo o escatolóxico, como falar coas cacas ou facer cadros abstractos cos mocos”. E neste libro apréndelle aos lectores e lectoras a “crear unha banda deseñada”.

Aprende banda deseñada con Fiz tamén repasa a historia do medio, das orixes, os códices maias e os medievais, ao cómic americano ou o manga xaponés. Logo prescribe os materiais e propón unha ampla gama de exercicios sobre expresións, personaxes, gags ou viñetas.

Un decálogo pecha a obra, Consellos para ser Autor de Cómics: Esquécete dos título, Se moi curiosa, Ilusiónate con todo o que fagas, Estuda o traballo doutros autores, Le e escribe, Debuxa páxinas, A práctica fai o mestre, Non teñas medo a cometer erros, Sé constante, deixa de pospoñelo todo, Aprende dereitos de autor e a ser autónomo.

“Será Fiz quen de deixar de facer debuxos de cacas e converterse nun verdadeiro debuxante de cómics?”, pregúntase o autor na nota editorial de lanzamento, “prepara os lapis e vén pasalo en grande xunto a Fiz neste curso de cómic”.