A historia dos viquingos en Galiza, en banda deseñada

A historia dos viquingos en Galiza, en banda deseñada
Detalle da cuberta de 'Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia', publicado por Xerais.
Detalle da cuberta de 'Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia', publicado por Xerais.  

Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia é unha novela gráfica de Alberto Varela, publicada por Xerais, que conta a historia dos viquingos en Galiza.


Na Alta Idade Media, a finais do século XI, un antigo xefe viquingo reconvertido en conde arribou nas costas de Galiza. Dende o Faro Brigantium (a Torre de Hércules) deu comezo á súa peregrinación até Santiago de Compostela.

O antigo reino de Galiza era daquela coñecido polos viquingos como Jakobsland. Dende mediados do século IX até finais do século XI, os nórdicos pelexaron cos habitantes de Gallaecia ata seren explusados logo da derrota de Ulv Galiciefarer ou Ulf de Jakobsland, alcumado o lobo de Galiza e derradeiro viquingo na nosa terra. O ilustrador Alberto Varela Ferreiro conta esta historia a través da banda deseñada, mesturando historia e ficción nunha obra publicada por Xerais (2018).

Alberto Varela Ferreiro (Carballo) é ilustrador, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de deseño. Traballa de deseñador gráfico e fotógrafo. Foi gañador de diversos certames de deseño e ilustración, como o 1º Premio do concurso do cómic da Universidade Politécnica de Catalunya ou o Premio Curuxa do Museo do Humor de Fene.

Publicou dúas series de libros infantís,  Anamarciana -que consta de tres volumes: Anamarciana (Xerais 2000), Anamarciana. Vacacións en Europa (Xerais 2003) e Anamarciana no Planeta Vermello (Xerais 2005)- e Merliño, composta de Brrumm-Brrumm (Xerais 2004) Lume! (Xerais 2007) e Dona Landra no Río Revolto (Xerais 2009).