A banda Nao devólvelle a carta de parabéns polo Premio da Música ao Conselleiro de Cultura

A banda Nao devólvelle a carta de parabéns polo Premio da Música ao Conselleiro de Cultura
Nao
Nao  

O grupo Nao devólvelle a carta de parabéns ao Conselleiro de Cultura cunha crítica a súa xestión contraria, segundo din, a unha "cultura libre, liberadora e popular"


Ao grupo Nao non lle sentou ben a carta protocolaria que recibiron do Conselleiro de Educación e Cultura para parabenizalos por ter gañado os  Premios Martín Códax da Música Galega 2014 na categoría do mellor proxecto Metal. A banda decidiu devolverlla cunha carta aberta asinada polo mestre e cantante Pablo Carracedo (Jasper) na que aproveitan para criticar a súa xestión e darlle un feixe de consellos para o apoio e promoción da cultura galega desde a Xunta. 

“Os músicos e músicas galegas levamos tamén padecendo a inutilidade do seu cargo dende o seu nomeamento”, escribe Jasper na carta na que acusa a Jesús Vázquez de despilfarrar millóns de euros en negocios e eventos e programacións na Cidade da Cultura cando sofren “as rebaixas en orzamento para os festivais e como se lle negan as axudas, poñendo trabas continuas aos eventos culturais de base”. 

“Os músicos e músicas galegas levamos tamén padecendo a inutilidade do seu cargo dende o seu nomeamento”

Define ao Conselleiro como a “antítese” do que Nao defende, é dicir, unha “cultura libre, liberadora e popular e aproveitan para darlle algúns consellos como a creación dunha infraestructura musical que permita que nazan novos talentos, a actualización do Xabarín Clube ou que activen a posibilidade de que as bandas soen na radio pública. “En definitiva, cambie de mentalidade e comece a facer país”, espétanlle ao Conselleiro a quen, en troques de parabenizar, pídenlle que, por exemplo, contribúa a que ese retransmita en directo a gala dos Martín Códax. 

Tamén como ensinante

Na súa condición de mestre, o cantante da banda critícalle tamén o deterioro do ensino público con exemplos como a perda de profesorado para o alumnado con dificultades, a imposición do decreto que merma o uso do galego ou a política de favorecer o ensino privado. “Os seus actos pasarán factura nas vindeiras xeracións de fracasados escolares, excluídos sociais e analfabetos na lingua propia”, afirma.