Bautista Álvarez volve á literatura coa novela “Cuarto Minguante”

Bautista Álvarez volve á literatura coa novela “Cuarto Minguante”
Bautista Álvarez
Bautista Álvarez  SG

Dous anos despois de se descubrir como narrador co libro de relatos, Retallos daquela infancia (Xerais), Bautista Álvarez volve á literatura coa novela Cuarto Minguante, unha das novidades de Xerais para este ano. 


No mes de febreiro publicarase a primeira novela e segundo libro de narrativa de Bautista álvarez. Con Cuarto Minguante, o escritor visita literariamente a emigración galega da segunda metade do século XX cun libro que a editorial define de “prosa gozosa e vibrante, labrada cunha lingua de inequívoca estirpe popular e cunha presenza constante dun humor sutilmente retranqueiro”. A novela de Bautista Álvarez percorrerá os destinos da emigración galega en Venezuela, Brasil e Arxentina máis tamén na Suíza, lugares onde recalará Ismael, o protagonista da historia que saíu do porto de Vigo un día de 1955.

Cuarto Menguante trae de novo a Bautista Álvarez ao mundo da literatura despois de que hai dous anos publicara Retallos daquela infancia, dezasete relatos con presenza memorialística ambientados na aldea Loucía da parroquia de Lás, concello de San Amaro, da súa infancia. Neste tempo, publicáronse tamén distintos textos de carácter ensaísta e doutrinario nos dous volumes das súas Obras escollidas.