ENTREVISTAMOS XULIO CARBALLO

“A BD estivo ligada desde o comezo á loita contra a ditadura cun carácter de país”

“A BD estivo ligada desde o comezo á loita contra a ditadura cun carácter de país”
[Imaxe: Cedida] Xulio Carballo
[Imaxe: Cedida] Xulio Carballo  

Xulio Carballo (A Coruña, 1978) é licenciado en Filoloxía galega e Teoría da literatura comparada. Doutor en Estudos lingüísticos e literarios de galego e portugués, vén de publicar Os pioneiros da banda deseñada galega 1971-1979 (Xerais, 2019), obra que bebe da súa tese. Conversamos con Carballo, que cada mes publica no semanario Sermos Galiza unha columna sobre a actualidade da banda deseñada galega, sobre o pasado, o presente e o futuro do cómic. Eis un extracto da entrevista publicada no número 337 de Sermos Galiza.


mini2Por que unha historia da banda deseñada na Galiza da década dos setenta?

Non é que fose unha escolla primeira. A miña intención cando comecei a tese de doutoramento, que é de onde vén o libro, era facer unha historia da banda deseñada galega desde o comezo até o final, desde os precedentes á época actual. Comecei investigando polos anos oitenta e cando collín os setenta deime de conta de que había unha cantidade de material, que eu descoñecía, moi importante e que era un material abondo como para realizar unha tese. Esta é a época dos pioneiros e onde se dan as primeiras expresións en case todos os ámbitos e formatos da banda deseñada. Aparece o que se coñece como primeira historieta de Xaquín Marín, O Emigrante, en 1971; aparece a primeira revista de cómic galega, A Cova das Choias, en 1973; aparecen os primeiros grupos de autores de cómic, como O Grupo do Castro; Fusquenlla ou o primeiro fanzine, Xofre, en 1979 no marco final desta etapa.

En que medida a produción neste período está determinada polas circunstancias do réxime franquista e até que punto o desenvolvemento da banda deseñada está ligada á loita contra a ditadura?

A banda deseñada estivo ligada desde o comezo a un afán de loita contra a ditadura e posuía un carácter antiautoritario, galeguista, e até mesmo nacionalista, que xa imprimira desde o principio Raimundo Patiño. Nas súas entrevistas, comentaba que quería reconverter os mal chamados medios de comunicación de masas, que lle chamaban ao cómic, en liberadores. El concibía o cómic como unha arte que chegaba moi facilmente ao pobo e que servía moi ben non só como ferramenta artística senón liberadora, de poder transmitir as mensaxes e as ideas que tiñan. Por exemplo, nese aspecto, destaca O home que falaba vegliota, onde vemos claramente a mensaxe e a expresión desta época. O vegliota, un idioma dálmata, tiña xa só un falante e é o trasunto do galego. Esta peza mural foi exposta en Madrid e ter usado o galego en vez do vegliota podería implicar problemas. Vemos como afrontaban a censura de diversas maneiras. Igualmente o Grupo do Castro deixaba entrever nas súas obras frases como “abaixo o réxime”, mais facíano dunha maneira que só se podía entrever. Luís Esperante, nas Historias dunha vella descoñecida, publicadas en El Ideal Gallego, puña esa personaxe levantando o puño ou cunha bandeira galega.

Cal foi a achega e contribución de Raimundo Patiño ao cómic na Galiza?

A súa achega xa non vén só das obras que fixo, como O home que falaba vegliota, cómic mural en doce pezas que é unha verdadeira xoia artística. Alén das primeiras obras, en que foi pioneiro, el sobre todo foi animador e divulgador da banda deseñada. Foi quen conseguiu que Xaquín Marín comezase a producir cómic, porque daquela facía á pintura e quería dedicarse á estampa popular galega, mais Raimundo Patiño dixéralle que a súa arte era moi secuencial, que contaba unha historia e que necesitaba escorala á banda deseñada para contar o que tiña. Cando os homes do Grupo do Castro viron exposta en Madrid O home que falaba vegliota quedaron tan profundamente abraiados que decidiron montar o colectivo e poñerse a traballar en cómics para ser expostos. Realmente, foi un guieiro nesa época para as demais persoas e o seu compromiso queda fóra de toda dúbida. El quería crear unha arte que chegase a este cómic para ser exposto, porque editar era caro. Coas exposicións, podía difundir mellor e chegar a máis xente. Esas exposicións percorreron toda Galiza por medio das asociacións culturais que xurdiran nesa época. Nas súas viaxes quixo explorar unha Galiza distópica, no futuro, el dicía que quería ser pesimista adrede para amosar un espello deformante onde a xente vise como a realidade da actual Galiza era o suficientemente preocupante e caótica.

Afirma na súa investigación que podemos considerar O emigrante de Xaquín Marín, publicada na revista Chan en 1971, como a primeira historieta en galego. Que significa esta obra e este autor na historia da banda deseñada?

Significa o inicio da pretensión de crear unha banda deseñada galega, conscientemente. Si que temos algunha tiras precedentes, o que chamabamos francotiradores, os soltos. Aquí comeza o autoconsciente de querer crear unha banda deseñada galega propia, cunhas premisas propias. Unhas ganas de crear arte en galego e con temas referidos á nosa sociedade e ás nosas inquedanzas. O emigrante recolle todo isto, non temos unha obra que busque o chiste fácil. Preséntanos a emigración como un drama, onde esta persoa que emigra volta nun coche fúnebre, nun cadaleito. Iso xa marca como se vai desenvolver a banda deseñada, cun carácter propio, porque Xaquín Marín non bebe de ninguén, e recolle as preocupacións da terra nese momento. Ás historietas que publicou na revista Chan eu chameilles “O ciclo da fame” porque todo vai arredor da consecución da comida e da superviviencia do home e da muller galega, e todo xira sobre iso. Son as temáticas da época: a emigración, a loita ecolóxica, a loita pola cultura galega, etc.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]