Begoña Lorenzo: “Con Tempo Catro quixemos cantar unha Rosalía máis viva e loitadora”

Begoña Lorenzo: “Con Tempo Catro quixemos cantar unha Rosalía máis viva e loitadora”
Tempo Catro
Tempo Catro  

A cantante Begoña Lorenzo pon voz a once Cantares de Rosalía no disco “Rosalía de Castro: Os ollos que falan”, de Tempo Catro, que vén de publicar a AS-PG. Para Begoña Lorenzo, as novas composicións, danlle outro ritmo á poeta, “máis viva e combativa”. 


Despois da presentación en Ferrol, Tempo Catro xirará con “Rosalía de Castro: Os ollos que falan” por distintos teatros do país, dando a coñecer un disco que ofrece os "Cantares Gallegos" de Rosalía en clave de fola, música clásica, jazz ou tanto, unha variedade de rexistros que ofrecen unha maneira distinta de cantar á poeta. 

Quen interpreta e dá voz a Rosalía é Begoña Lorenzo, unha artista que se mostra feliz e agradecida aos compañeiros de Tempo Catro por ter contado con ela para este novo traballo. “Tratei de retomar o que ela sentiu e deixeime levar tamén pola música. Compaxinei a lectura dos Cantares co ritmo da música mais interpreto a Rosalía que sinto, forte e entusiasta”, di Begoña Lorenzo do seu novo traballo. 

Canda ela, os músicos Andrés Pazos, Suso Iglesias -autores da música-, Javier Cedrón , Antonio Romero e Pablo Salgueiro de  Tempo Catro, danlle a nova sonoridade aos versos da poeta en once cancións que teñen como base outros tantos poemas de “Cantares Gallegos”, no 150 aniversario da súa publicación. 

“Pareceume un proxecto precioso, un reto e unha irresponsabilidade que asumín encantada. A maioría temos en mente os poemas de Rosalía na voz de Amancio Prada que fixo un traballo importantísimo, mais cumpría darlle un ton máis positivo, máis loitador fronte á imaxe morriñenta e triste que aínda perdura”, comenta Begoña Pazos do novo traballo. 

Música como ferramenta de difusión

Cos poemas seleccionados e a música da súa man, a Begoña Lorenzo suxeríalle “cantar alegre, darlle vida, as letras soaban á exaltación á patria e á xente, non a choro”. Dese punto de partida naceu “Rosalía de Castro: Os ollos que falan”, un traballo no que o entusiasmo se aprecia en cada un dos temas, en especial, o preferido da intérprete, ese “Eu cantar cantei” que é, ao seu ver, “unha exaltación de amor á terra, como outros que ela ten”. 

Un dos obxectivos do novo traballo é, ao seu ver, “darlle relevancia á obra e á figura de Rosalía de Castro, tamén con fins didácticos e de difusión, do que a música pode ser unha ferramenta”.  Para Begoña Lorenzo, as cancións con poemas de Rosalía baten con facilidade na xente, como comprobaron no concerto de presentación en Ferrol, da man da Asociación Medulio que participa no proxecto. “Os diferentes ritmos ofrecen unha proposta variada coa música folk como base, mais tamén rezuma a clásica, jazz, tangos e outros ritmos que lle dan moita pluralidade sonora ao proxecto” destaca. 

O resultado contribúe, segundo di, a construír outra imaxe de Rosalía xa que “ a música canaliza, vai guiando e o disco ofrece esa poeta combativa e enérxica que se quixo negar, de forma moi próxima e comprensíbel, como un nexo entre Rosalía e o público”. O disco está a venda na loxa de Sermos Galiza.