Belém Tajes, nova voz de Luar na Lubre

Belém Tajes, nova voz de Luar na Lubre
Belém Tajes no concerto do pasado sábado en Compostela [Foto: Alba Romero]
Belém Tajes no concerto do pasado sábado en Compostela [Foto: Alba Romero]  

Luar na Lubre volve cambiar de vocalista. A nova voz será a coruñesa Belém Tajes, que ten participado en proxectos como VooDoo e Sisters in the House. Xa se estreou cun par de temas no concerto do sábado en Compostela e agora participará na xira de 30 aniversario que os levará por toda a Península e México.


A coruñesa Belém Tajes é a nova voz de Luar na Lubre, a banda coruñesa que agora comeza a súa xira de 30 aniversario por toda a Península e México. O pasado sábado xa participou no concerto de Compostela como convidada e estrearase de forma completa este venres 3 no concerto de Almería que inaugura o percorrido por España. Tajes substitúe así a Paula Rey, que formou parte de Luar na Lubre durante seis anos e agora emprende novos camiños. 

Belém Tajes (Bos Aires 1985) é cantante e compositora e especialista en musicoterapia. Foi vocalista de varias forrmacións como VooDoo e Sisters in the House. Comezou a súa andaina musical no ámbito da música tradicional, posteriormente pasou polo Conservatorio da Coruña e Carballo e varias escolas de música de Santiago e Coruña.

Comprometida desde sempre coa cultura galega, Tajes realizou un proxecto o pasado ano como parte de Tosta Cultural Cargo, un programa de intercambio lingüístico e cultural entre nacións con linguas minorizadas. Isto levouna cinco semanas a Irlanda, onde traballou na creación dun cancioneiro de melodías en gaélico e galego relacionadas co mar, vista a conexión dos dous pobos mariñeiros co caladeiro do Gran Sol.

Alén disto, Tajes foi noticia en 2015 por ter denunciado a unha escola na que traballaba (Jungle World) por non permitirlle usar o galego.  “Nin sequera nos permiten cantar cancións nin ler poemas en galego”, afirmou en conversa con Sermos Galiza.

Belém Tajes é a quinta vocalista de Luar na Lubre, logo de Ana Espinosa, Rosa Cedrón, a lisboeta Sara Vidal e a coruñesa Paula Rey, que estivo seis anos na formación e que se despediu o pasado sábado no concerto de inicio de xira en Compostela. 



x