Bernardo Máiz: “Na Galiza, máis que represión hai que falar de resistencia”

Bernardo Máiz: “Na Galiza, máis que represión hai que falar de resistencia”
Bernardo Máiz, durante unha das presentacións de 'Os Nomes do Terror'
Bernardo Máiz, durante unha das presentacións de 'Os Nomes do Terror'  Foto: SG

Na Gala do Libro Galego aparecen como finalistas dous traballos que levan a súa asinatura, un deles a título individual -o ensaio Amada García e os seus arredores, o outro colectivo, o volume Os nomes do Terror, editado por Sermos Galiza.


A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) farán entrega este sábado 19 dos Premios Gala do Libro Galego. Esta terceira edición, que será celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, inclúe unha nova categoría: divulgación. Dentro desta atópase como finalista a obra colectiva Os nomes do terror: Galiza 1936 (Sermos Galiza), que conta entre os seus colaboradores con Bernardo Máiz. O historiador mugardés é dobremente nominado nestes galardóns polo seu ensaio Amada García e os seus arredores (Edicións Embora).

Ambas aportacións teñen a súa base no inxente labor do autor arredor das vítimas do franquismo, en especial aquelas do norte da provincia da Coruña (Eume, Ferrolterra e Ortegal). Un esforzo conxunto co historiador Xosé Manuel Suárez levounos a aumentar dita nómina de persoas mortas a mans do réxime até case rozar as mil. Segundo os seus cálculos, desde 1936 até 1975, o franquismo chegou a cobrar até 985 vidas no territorio. Dacordo a un proxecto aprobado polo pleno municipal de Ferrol e apoiado por outros gobernos locais, os seus nomes serán inscritos nun monumento memorial que será colocado no antigo cemiterio de Canido.

Como chegaron a esta actualización da nómina de vítimas do franquismo?

No arquivo municipal de Ferrol había un libro enorme de rexistro do cemiterio municipal de Canido, que estivo funcionando até xuño do 1945. O capelán católico anotaba absolutamente todo da xente alí enterrada. De súpeto, descubrimos anotado -que é curioso e raro- o nome da persoa, a casa mortuoria, a causa da morte.. E descubrimos unha serie de persoas pasadas polas armas do ano 1941 ao 1945, que cremos que eran da Mariña republicana. Polo que sabemos, poderían ser mariñeiros republicanos que se entregaron ou foron devoltos polas autoridades francesas. Explícome, a flota española republicana que estaba en Cartagena cando estaba rematando a guerra exiliáronse cos barcos a Túnez. Houbo moitos que ficaron alí, pasaron a formar parte da resistencia francesa... mais, cando o ministro da Marina de Franco foi polos barcos, houbo mariñeiros que aceptaron volver coa promesa de se tiñan un xuízo xusto, e foi así en determinados casos. É sorprendente porque estamos a falar de persoas moi novas, que no 36 teñen 20 anos e no 40 tiñan 2. Aí atopamos un fondo documental curioso e interesante.

Como se pode saber que eran mariñeiros republicanos?

Habitualmente viñan aquí porque a base dos barcos estaba en Ferrol. Nós, a lista que estamos facendo é unha cuestión que temos prevista, a xente que foi executada ou asasinada na área do antigo partido xudicial de Pontedeume, Ferrol e Ortigueira, todo o norte da provincia da Coruña. Había moita xente de fóra que non era de aquí, mais morreu aquí. O último da lista, por exemplo, era Zorroza, que claramente era un vasco que estaba a facer o servizo militar en Ferrol ou na Marina. Despois hai que ter en conta que, durante a Guerra Civil, era aquí a Ferrol onde traían os barcos republicanos capturados no Cantábrico. Eran xulgados e moitos deles condenados a morte. Finalmente, tamén hai unha porcentaxe importante de guerrilleiros antifranquistas, e de enlaces coa guerrilla. Desgraciadamente, en marzo de 1972 hai outros dous mortos (Daniel Niebla e Amador Rey) e no ano 1975 é o asasinato de Moncho Reboiras. Isto coloca este territorio nun plano moi distinto ao do resto da Galiza.

Aínda que sabían disto, esperaban unha cifra de vítimas tan alta?

Este é un fondo documental máis, de entre todos cos que xa traballamos, que atopamos Xosé Manuel Suárez máis eu revisando o libro de rexistro de defuntos atopados no cemiterio de Canido. Os dous que estamos a facer isto, que levamos moitos anos no tema, fomos atopando e espigando por aquí e por aló, de xeito que as cifras foron elevándose. Xa sabíamos que o número de mortos a mans do franquismo nesta terra é o máis elevado de Galiza, en números absolutos e relativos. Porén, nunca chegaramos a pensar que rozaría os mil... Isto ven tamén que por un lado había tribunais militares moi duros, e por outro lado porque foi o único lugar da Galiza onde houbo un verdadeiro enfrontamento armado en xullo de 1936. Había mariñeiros e soldados defendendo a República. Entón, claro, a represión sobre eles é enorme. Tamén é un territorio que é pioneiro no movemento obreiro. Por exemplo, das máis de 80 mulleres que o franquismo asasinou na Galiza, unhas 30 son desta área. Iso tamén conta en grao de concentración. Habendo resistencia, hai represión. Dos 22 concellos que temos analizado, desde Miño até O Barqueiro, non hai nin un concello onde non houbera mortos a mans do franquismo. Hai zonas con máis concentración, como o propio Ferrol ou Mugardos, que era onde traían aos tribunais a xente doutros lugares.

A idea desta nómina nace en vistas á construción dun memorial, non?

Si, os datos dos que dispúñamos chegaban até o ano 1939, e decidimos seguir a procurar máis adiante no tempo. Todo isto ven porque presentamos un proxecto ante o pleno municipal de Ferrol, que foi aprobado en setembro, para ter un memorial coa lista íntegra das vítimas do franquismo. Logo, foi delegado á Mancomunidade de municipios, onde máis concellos se uniron á iniciativa, que tamén vai ser apoiada pola Deputación da Coruña. Tamén habería unha publicación onde se analizarían os datos das vítimas por lugares, sexo, ocupacións… Hai entre quince e vinte estranxeiros, de mexicanos a rusos...que que non vivían aquí, senón que foron xulgados e executados aquí. O monumento memorial sería colocado na parte traseira do cemiterio do Canido. O vello cemiterio foi un lugar onde houbo de 250 a 360 execucións no ano 1936, tantas eran que a veciñanza de Canido pediran que deixaran de matar a xente alí.

Todo este traballo foi chave para escribir ‘Amada García e os seus arredores’...

A relación é directa. É un libro que xunta moita información sobre o tema do que estou a falar, que é a represión nesta zona. Amada García converteuse nun emblema da represión na zona. É un territorio tradicionalmente moi de esquerda, cunha representación feminina moi notable para a escasa representación feminina na política da época. Amada García chega a estar en mítines coa Pasionaria... Iso explica que houbera esta matanza tan grande de mulleres.

Á hora de documentarte sobre ela, a meirande parte do traballo sacáchelo de aí?

Eu levo publicado moito sobre este tema desde hai moitos anos. Quero dicir, a miña tese de doutoramento era sobre a opresión do franquismo en Galicia. Levo moitísimo publicado sobre represión franquista, aínda que me gusta falar mais de resistencia. Xa está ben de falar de mortos, hai que falar deles pero moitas veces estes mortos morreron defendendo a legalidade republicana. Porén, para escribir, eu crieime con esa historia. Vivo no concello de Mugardos, de onde era ela. A súa era unha historia moi dramática. Penso que o éxito do libro, que leva dúas edicións, foi porque era un tema moi coñecido e polo tratamento que lle din á información, que recollín durante moitos anos. É unha obra que precisou previamente que eu escribise moitísimo sobre o tema antes de escribir sobre isto en concreto. Trátase dun estudo no que analiza non só a biografía da muller senón por que se produciron as circunstancias que se produciron. Isto é, o medio social e cultural no que se criou que desembocou en que esa muller acaba sendo condenada a morte. Esta muller, cando entrou no cárcere en abril de 1937 estaba embarazada, tivo o neno no hospital en outubro de 1937 e foi executada en xaneiro de 1938. Esa historia ten un dramatismo moi grande. Non é que logo a condenaran e despois pariran. Senón que pariu e mes e pico despois.. Eu tiña moita amizade co fillo. Desde entón, todos os 27 de xaneiro reunímonos no castelo de San Felipe, día que foi institucionalizado de tal xeito que ese é o día de recordar as vítimas do franquismo.

Cómpre sinalar, pois, que o traballo arredor da súa figura non é de lembranza, porque aínda segue viva na memoria popular?

Hai moito mito e dramatismo arredor da vida e morte de Amada García. Para uns era unha pobre muller vítima das circunstancias, que durante o fusilamento empezou a chorar, desesperada... Para outros era unha heroe que incluso arengou os soldados: ‘rapaces, non vos preocupedes que a culpa non é vosa’. Forma parte do mito arredor dela: a muller débil e a muller extremadamente forte. A lembranza perdurou e eu crieime con esa historia. Había mesmo a historia de que foi fusilada por bordar unha bandeira, e hai un montón de mulleres na historia de España desta época que se di que morreron por bordar unha bandeira... e ela nin sabía bordar!



x