Berta Dávila faise co Repsol cunha novela sobre a experiencia da vida e a literatura

Berta Dávila faise co Repsol cunha novela sobre a experiencia da vida e a literatura
Berta Dávila
Berta Dávila  

“O derradeiro libro de Emma Olsen” é o título da novela coa que a escritora Berta Dávila faise gañadora do Repsol de Novela Breve. Trátase dun relato arredor da experiencia da vida e a literatura no que Dávila narra a historia dunha escritora que regresa a súa vila natal coa morte próxima por unha enfermidade terminal. 


Ecoa aínda o éxito de “Raiz de Fenda” (Xerais), premio Johan Carballeira, cando o nome da escritora Berta Dávila volve a ser noticia ao ser a gañadora do premio de Narrativa Breve Repsol con “O derradeiro libro de Emma Olsen” que en breve publicará Galaxia. 

Unha escritora que volve a súa vila natal, situada a trescentos quilómetros da poboación habitada máis próxima, é a protagonista do relato de Berta Dávila de quen tamén Galaxia publicará na súa colección Costa Oeste en breve a novela “Quen matou a Covadonga Balboa?”. 

A piques de cumprir os corenta anos e cunha enfermidade terminal que aproxima a morte, Emma Olsen regresa ao lugar no que naceu para contar unha historia que nunca se tiña atrevido a desvelar. “A novela está escrita en primeira persoa e foi, nese sentido un reto porque precisaba que esa voz se sostivese” explica Dávila. A literatura trénzase coa vida nunha novela que ofrece unha reflexión sobre o proceso creativo e o espazo que acada na biografía da protagonista. “Deseñei a traxectoria literaria de autora a través das súas novelas e argumentos conectando os acontecementos literarios e biográficos. Nese derradeiro libro reflexiona sobre a escrita, e experiencia da vida e a literatura e como se enlazan entre si. Olsen e unha vila a trescentos quilómetros de distancia da próxima poboación habitada. Nin Enma é galega nin atoparíamos no país un lugar con esas características. A escritora Olsen é americana e a vila sitúase na planície de Dakota, un espazo que existe en realidade e que a escritora recreou na súa novela.

Sen máscaras, sen trampas, sen artificios

Con anterioridade, Berta Dávila ademais de “Raíz de Fenda” asinou o libro de poemas “Corpo Baleiro” (Espiral Maior) e “Dentro” (Ed. Fervenza)  ou, xa en narrativa a novela “Bailarei sobre a túa tumba” que foi merecente do Premio Biblos de Novela para a que foi "titorizada", como recollen as bases do galardón, polo escritor Agustín Fernández Paz.  A conta de libros complétase coa colectánea de relatos “A arte do fracaso” (Editorial Barbantesa). Na rede, os escritos de Berta Dávila pódense atopar na bitácora “Confabulario novo” e na sección de opinión de Sermos Galiza. 

Con “Raíz de Fenda” Berta Dávila esgotou a primeira edición en só un mes. “O que percibín nas persoas que se dirixiron a min é que se viron reflectidas en ocasións. Este acontecemento é moi emocionante para quen escribe, saber que hai persoas que se senten conmovidas por algunha parte do libro porque lles axuda a sandar as súas fendas” sinalaba a escritora arredor do éxito do poemario nunha entrevista publicada no semanario Sermos Galiza. 

Defendía que o libro mudara, en certa medida, a súa maneira de afrontar a escrita. “Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza” dicía e esa pegada apréciase, segundo comenta, tamén na nova novela que, ao ser un relato breve “esixe maior coidado co texto”.