'CARRUSEL' TITÚLASE O SEU NOVO LIBRO

Berta Dávila intérnase na ficción do eu

Berta Dávila intérnase na ficción do eu
A escritora Berta Dávila. Imaxe: Paula Gómez del Valle (arquivo AELG).
A escritora Berta Dávila. Imaxe: Paula Gómez del Valle (arquivo AELG).  
Durante moitos meses, espertei  cedo cada día para non escribir nada. Despois tío Carlos morreu e pensei que necesitaba buscar o principio de todo isto. Así que que volvín a este cuarto de hotel. Agardaba atopalo igual que o deixara a outra vez". O primeiro parágrafo de Carrusel (Galaxia, 2019) é xa unha especie de mapa secreto para as súas 121 páxinas. Así, no último libro de Berta Dávila (Compostela, 1987) hai un complexo xogo de tempos narrativos, certo enfrontamento coa finitude, a vontade de escribir contra vento e maré e a imposibilidade case física de facelo, tabús que se veñen abaixo, o outro como liberación e ás veces condena.

"Eu estaba escribindo sobre diferentes cuestións, como cabaliños nun carrusel que soben e baixan", explica Dávila a Nós Diario, "pero decateime de que todo xiraba arredor dun mesmo asunto concreto. Decidín que precisaba un soporte e busquei un modelo". Ese núcleo implícito era a doenza mental, o tema do que, nas súas propias palabras, a autora se agochaba. "Agora, cando lembro o tempo breve que pasei no hospital, ao tratar de facer un relato do que non posúe unha narrativa propia, vén á miña cabeza aquela canción terríbel de Johnny Cash, The beast in me", afirma a voz en primeira persoa que enfía a obra.carrusel - berta dávila (cuberta)

A escritora cavilou cada movemento co que se internaba no subxénero da autoficción ou ficción do eu. Non excesivamente practicada na literatura galega -exemplos máis ou menos recentes son A identidade fascinada (Galaxia, 2015), de Antonio Piñeiro, ou Os xornalistas útópicos (Xerais, 2013) e Todo ser humano é un río (Xerais, 2016), de Manuel Veiga-, asédiana a confusión e o pudor, a malinterpretación e a nugalla crítica. "Carrusel está moi meditado", sinala Dávila, "porque unha sabe a que tipo de preguntas se enfrontará. Mais sucede con este libro algo que me interesa: hai certa vergoña á hora de preguntar sobre a súa cuestión central [a doenza mental] de maneira directa". En todo caso, ela tomou a decisión de non respondelas. "Mais non me incomodan, sería inxenua se o fixese", engade.

Como tratar o real

De fondo opera un problema clásico da escrita, como trata a literatura o real. Dávila, ademais poeta con inclinación ao ton confesional, xa pelexou con el noutros traballos. "Está aí desde os poemas de Raíz da fenda (Xerais, 2013). Ou mesmo desde algún relato de A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), en que unha muller dirixía unha carta á súa avoa Úrsula", indica: "A relación entre a materia do real e a materia da ficción aparece nos meus libros cada vez con máis forza, cada vez máis espida, con menos máscaras".

É deste xeito en Carrusel, cuxa historia de descenso e ascensión dos poderes dunha escritora, a súa pescuda no propio pasado e nas relacións con familia e amizades, bebe da experiencia como na experiencia bebeu a poesía nidia e insondábel de Sylvia Plath. "Carrusel está marcada pola imposibilidade de escribir, aínda que eu sempre defendín que a escritura era cuestión de disciplina", anota.

Outras verdades persoais sobre o seu oficio serviron a Dávila durante os anos que tardou en elaborar este libro, premio García Barros 2019. "Sempre intentei aterme ao clásico 'hai que escribir sobre o que coñeces", di, e talvez por iso as reflexións arredor da escrita inzan as páxinas. "Canto máis procuro deixar fóra estas matinacións, máis aparecen no que escribo", resígnase. Polo demorado camiño de Carrusel caeron da trama varios personaxes que se dedicaban a escribir. Procedían  das variantes primitivas do libro, depuradas co tempo.

"A tea do tempo"

O tempo e o mecanismo ao respecto deseñado pola autora é outro dos elementos fundamentais de Carrusel. "Xogo con el desde unha perspectiva emotiva e non sucesiva", afirma. A narración é como simultánea, ás veces circular pero con altos e baixos tal o propio carrusel, formulada por Dávila a xeito de tea. "Nela fanse dobreces e fragmentos da mesma acadan así intimidade absoluta", esténdese. O reto era descubrir as maneiras en que unha emoción conecta cunha música que "sentías de adolescente, escoitas nun bar e de súpeto estás tan perdida como aos 15 anos".

En Carrusel a epifanía destápaa The Circle Game, canción de Joni Mitchel. "Somos prisioneiros no carrusel do tempo. / Non podemos regresar, só podemos mirar atrás / cara a ese lugar de onde vimos / e ir dando voltas e voltas e voltas / no xogo do círculo", canta.