Berta Dávila triunfa nos Anxel Casal cos premios á mellor autora e mellor libro de ficción

Berta Dávila triunfa nos Anxel Casal cos premios á mellor autora e mellor libro de ficción
Berta Dávila (Foto: Distrito Xermar)
Berta Dávila (Foto: Distrito Xermar)  

Mellor autora do ano e mellor libro de ficción. A escritora Berta Dávila converteuse na grande triunfadora na entrega da IX edición dos Premios Ánxel Casal que a Asociación Galega de Editores celebrou a noite da sexta feira en Betanzos. Xesús Rábade e Pilar García Negro recibiron os premios en poesía e non ficción. 


A Noite da Edición tivo un nome protagonista, o de Berta Dávila ,que conseguiu o premio ao mellor libro de ficción coa novela O derradeiro libro de Enma Olsen -que xa recibira o premio Repsol-  mais foi tamén considerada polo xurado como mellor autora do ano nos Premios Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores presidida por Manuel Bragado. 

No acto, que se desenvolveu no Liceo de Betanzos, e no que participaron representantes institucionais e dos gremios relacionados co libro, entregáronse os premios das distintas categorías convocadas e que recoñeceron tamén obras como Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada e Rosalía de Castro de Pilar García Negro en ensaio, Sobre ruínas de Rábade Paredes en poesía, A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas en libro infantil ou a tradución do Ulises de Joyce como mellor obra traducida do ano. Tastarabás de Antón Cortizas, a enciclopedia do brinquedo editada por Xerais foi escollido como mellor iniciativa editorial e Vento e chuvia de Manuel Gago (Xerais) resultou gañador na categoría de mellor obra educativa do ano. 

O xurado nomeado polo gremio da edición decidiu outorgar o premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural á libraría Couceiro da Coruña, a cargo de Carmiña Couceiro e Pepe Díaz que se despiden do mundo do libro despois de décadas nas que o seu establecemento se converteu nun verdadeiro centro cultural. 

PREMOS ÁNXEL CASAL:

-Premio ao Libro de ficción:

O derradeiro libro de Enma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia)

-Premio ao libro de non ficción

Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de Pilar García Negro (Alvarellos Editora)

-Premio ao Libro de poesía ou teatro

Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes ( Alvarellos Editora)

-Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado

Pan de millo, de Dani Padrón (Kalandraka)

-Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil

A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar e Xosé Cobas (Biblos)

-Premio Lois Tobio o libro traducido

Ulises, de Joyce, traducido por María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Valle (Galaxia)

Premio Xosefa Vilarelle ó libro educativo

Vento e chuvia, de Manuel Gago (Xerais)

-Premio Xosé María Álvarez Blázquez ó autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora durante o ano 2013.

Berta Dávila.

-Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial 

Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos, de Antón Cortixas (Edicións Xerais)

-Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013 co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2013

Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro  e Pepe Díaz